Área

Hostelería Compostela reúnese con Ames Novo por mor das terrazas

Tamén mantiveron un encontro co PSOE e a vindeira semana farano co alcalde amesán

  • 10 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ames. Trala reunión do pasado luns co BNG, a Asociación Hostelería Compostela e comarca mantivo estes días dous encontros máis con membros de Ames Novo e do PSdeG-PSOE para tratar con eles as alegacións ao borrador da ordenanza de terrazas presentadas pola entidade.

A asociación considera “positiva a resposta xeral e común dos representantes políticos da localidade, que avogan por darnos un tempo para o traballo e intentar así chegar a un consenso”, sinalan membros de Hostelería Compostela. O seguinte paso “será a reunión que manteremos a semana que vén co alcalde de Ames, José Miñones, que é o que ten a titularidade de Urbanismo, departamento do que depende a normativa de terrazas”, explican.

A asociación vén denunciando nas últimas semanas que o borrador da nova ordenanza de terrazas “é demasiado restritivo para a realidade de Ames”. O sector observa que moitas das cuestións que regula “quedan ao criterio arbitrario do servizo técnico municipal”, aseguran. No caso concreto do Milladoiro, os hostaleiros son conscientes de que o seu modelo urbanístico dificulta o equilibro de espazos peonís coas terrazas, pero o sector considera que a solución non pode vir a costa dos seus establecementos. “As terrazas son un espazo de socialización máis e existen outras medidas máis axeitadas como a reordenación do tráfico que sirva para gañar espazo para os peóns”, apuntan.

INCENDIOS. Por certo que o Concello de Ames vén de presentar o plan municipal de actuación contra incendios. Dito proxecto detecta a categoría dos lumes segundo a súa gravidade, contempla os pasos que se deberán dar en cada un dos casos, recolle o inventario de medios propios e concertados dos que dispón o Concello, fai un resumo da loxística que se debe seguir e reúne os contactos e teléfonos das persoas e grupos involucrados nesta loita contra o lume. “Un mapa de ruta que, sen dúbida, facilitará a actuación de cada un dos sectores implicados en caso de producirse un incendio no noso concello”, indican fontes municipais. A.P.

Tema marcado como favorito