Área

Levan a restaurar o centenario reloxo do Fernando Blanco

  • 11 jul 2020 / 20:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O centenario reloxo do instituo Fernando Blanco, de Cee, foi desmontado a pasada semana para proceder á súa restauración e posta a punto. Nun primeiro momento restaurarase a máquina e, posteriormente, a esfera do mesmo, a cal, nos últimos tempos veu agravado o seu estado de conservación, segundo sinalan dende a Fundación Fernando Blanco de Lema.

Da restauración encargaranse os técnicos de Dans Relojeros, da Coruña, e o custe será asumido, na súa totalidade, pola Consellería de Educación. Estiman que os traballos se alongarán máis de un mes debido “as delicadas tarefas a realizar”.

Primarán a recuperación sobre a substitución e, no caso de ser necesario substituír unha peza realizaríase cos mesmos materiais, feitura e rematados que a orixinal, xa que se pretende conservar ao cen por cen.

Trátase dun singular reloxo monumental de manufactura preindustrial fabricado pola casa Ungerer de Estrasburgo e que foi instalado polos reloxeiros madrileños M. Hoefler. Consta de tres corpos ou módulos: de marcha, de cuartos e de horas.

O centenario reloxo, instalado na torre central do centro educativo, “ademais de marcar unha rigorosa disciplina de traballo no instituto para acadar a eficiencia formativa, regulou tamén a vida e as actividades laborais da veciñanza da vila de Cee durante unha boa parte da súa historia”, segundo sinala Darío Areas, secretario da Fundación Fernando Blanco.

Instalouse no 1885, un ano antes da inauguración do centro educativo e, segundo se pode extraer dos asentos contables da fundación, “o custe do mesmo foi de 15.652 reais de vellón, pagados en dous prazos”, engade.

O instalador foi Mariano Hoefler Echevarría, nado en Madrid no ano 1842. Seu pai e seus tíos foron reloxeiros orixinarios de Lenzkirch (Alemaña), aínda que se estableceron na capital de España, onde se fundou no 1778 a casa de reloxos Hoefler.

Tema marcado como favorito