ENTREVISTA
LUIS OUJO POUSO // Alcalde de Porto do Son

“O acordo de Caballero co Goberno do Estado vulnera a autonomía das entidades locais”

08 ago 2020 / 00:16
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
“É unha apropiación dos recursos dos concellos precisamente no momento no que máis os necesitamos para sair adiante”

De resultas do acontecido o luns na xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), na que o voto de calidade do seu presidente, Abel Caballero, deu lugar a un acordo co Goberno central para a confiscación dos remanentes aos concellos, moitos alcaldes manifestaron publicamente a súa decepción polo feito de que, tras anos de consenso nas decisións deste órgano, se rompese ese espírito. Acusan a Caballero de pregarse aos intereses partidistas antes que defender o municipalismo e entenden que a confiscación dos seus remanentes vailles ocasionar a medio prazo un importante problema de liquidez. O alcalde de O Son, Luis Oujo, é un dos máis críticos ca decisión.

En que consiste o acordo?

Basicamente na liberación dos remanentes dos concellos a favor do Estado. Uns recursos de titularidade municipal aos que nos levan anos impoñendo unhas duras condicións e en moitos casos a imposibilidade de utilizalos en beneficio dos nosos veciños, e que son o resultado da xestión municipal. O Goberno aproveita esta situación e a dificultade das entidades locais para apropiarse destes fondos sin que coñezamos a que os van destinar, e a cambio dunha chantaxe, ofrecendo ás entidades que teñen esa dificultade a posibilidade de obter uns fondos para uns destinos que eles tasan, e polo tanto, ao mesmo tempo que se apropian dos fondos dos concellos atentan contra a súa autonomía.

En que se sustentaría un posible recurso de inconstitucionalidade?

Nas condicións que o Estado impón para utilizar os fondos transferidos aos concellos a cambio da totalidade do seu remante. É dicir: se un concello necesita facer algunha actuación que non estea incluída no listado do Goberno, non poderán usar eses fondos. Por tanto, o acordo vulnera a autonomía das entidades locais que recolle a Constitución.

Por que é un mal acordo?

Pois en xeral, porque é unha apropiación dos recursos dos concellos no momento que máis os necesitamos. Somos a administración máis cercana á cidadanía, que está pasando e pasará momentos de dificultades aos que debemos dar resposta. O próximo exercicio prevese que os ingresos das administracións locais se reducirán nun 30 % e non sabemos que vai acontecer ca nosa participación nos tributos do Estado. Neste momento, o Goberno debería pensar en impulsar medidas que flexibilicen a utilización deses recursos por parte dos concellos para compensar esta redución de ingresos en lugar de apropiarse dos mesmos.

Como afectaría a Porto do Son?

Pois a situación do noso municipio é idéntica á do resto. Precisamos dos recursos que son dos nosos veciños e queremos utilizalos para o fin lexítimo de implantar medidas que nos axuden a superar a crise socioeconómida derivada do covid-19 nas nosas respectivas localidades.

Se se plantexa como préstamo voluntario ó Estado, sería aceptable?

O acordo non é aceptable dende o momento en que se parte dunha situación de inferioridade dos concellos, que non poden utilizar os seus remanentes debido ás limitacións legais que temos e que en moitos casos atentan contra a autonomía local. O Estado non pode aproveitarse desta situación para apropiarse deses fondos de forma totalmente inxusta e insolidaria, nun momento no que os concellos van ver mermados os seus recursos e necesitar esos remanentes para facer fronte a unha intensa crise económica e social.

Plantéxase O Son saír da Femp?

De ningunha das maneiras. O feito de que o presidente da Femp chegase a este acordo antepoñendo os intereses partidistas aos dos concellos aos que representa non pode ser motivo para que abandonemos a federación, porque as entidades locais debemos continuar unidas e organizadas. O que creo que debe mudar na entidade é o seu presidente, que traicionou os nosos intereses.

Sopesa O Son unha insumisión?

O Son respectará sempre as normas aprobadas polo Goberno, como non pode ser doutra maneira. Outra cousa é que esteamos en total desacordo, non as compartamos ou non nos parezan xustas. E como é así, faremos valer a nosa voz para defender os intereses dos nosos veciños.

Tema marcado como favorito