Área

Oleiros acollerá o espectáculo de Cirkoimpacto e unha ruada esta fin de semana

A praza do centro social será escenario da proposta ‘Hell Brothers’ este venres a partir das nove e media da noite

  • 02 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ribeira. A parroquia ribeirense de San Martiño de Oleiros concentrará boa parte das actividades programadas dende a concellería de Cultura para este primeiro fin de semana de setembro, continuando deste xeito coa liña deste verán de desenvolver eventos compatibles cos protocolos Covid cadrando coas datas en que estaban previstas as festas populares das distintas localidades.

Así, o venres 4 ás 21.30 horas, na praza do centro social de Oleiros, terá lugar a actuación de Cirkoimpacto coa proposta Hell Brothers, un espectáculo infantil e familiar e recinto acoutado que se irá cubrindo por rigurosa orde de chegada.

O sábado, na mesma parroquia, haberá unha ruada con gaitas do
país co grupo O Rueiro, da Sociedade Hijos de Palmeira: intervención que se repetirá o domingo, día no que, por outra parte, no marco da programación das Rúas Musicais, o establecemento Curral de Prego, preto do antedito centro social, dará cabida ás 13.00 a unha sesión vermú ofrecida pola banda local Os Bugis.

Por suposto, outros puntos da xeografía municipal tamén serán escenario de distintos eventos, principiando pola inauguración o venres 4 ás 13.00 no centro cultural Lustres Rivas da exposición do XIV Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica, que se prolongará ata o 26.

AUTOCINE PARA 30 COCHES. Ese mesmo día, o campo da festa da localidade de Carreira acollerá o último autocine de verán ás 22.15 horas coa proxección da galardoada película O que arde, de Oliver Laxe. A asistencia é gratuíta e o aforo está limitado a trinta vehículos.

Por último, o sábado 6 ás 21.30 horas a Praza da Porta do Sol de Santa Uxía dará cabida á gala de Circo Circando: un espectáculo infantil e familiar encadrado na programación da Fiestra da Cultura que organizou o Concello ribeirense. s. s.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.