Área

Ribeira ofrece viaxes á illa de Sálvora todos os mércores

Serán en catamarán e haberá a bordo degustacións de viño e mexillóns // Custarán 20 €

  • 09 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A partir do vindeiro mércores día 12 e ao longo dos restantes mércores deste mes de agosto, aqueles que o desexen terán a oportunidade de participar en viaxes en catamarán ata a illa ribeirense de Sálvora e coñecer os segredos desta xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A iniciativa posta en marcha polo Concello denomínase Viaxes máxicas a Sálvora. As saídas terán lugar ás 10.00 horas e os retornos ás 14.30 no porto de Ribeira. As visitas serán guiadas por persoal especializado. O catamarán ten unha capacidade para 145 persoas pero, de ser necesario, poderíase dispoñer dunha embarcación máis grande.

Durante a travesía marina os viaxeiros terán a oportunidade de disfrutar dunha pequena degustación de mexillóns ao vapor e viño branco.

En canto ás inscricións, pódense formalizar no numero de teléfono 630 065 790, nas oficinas da empresa Golfiño no Touro ou a través da web de Turimares (www.cruceirosdoulla.com). O custe de cada viaxe é de vinte euros (de dez euros no caso de menores de ata doce anos de idade).

Por outra banda, a administración local vai poñer en marcha este verán unha actividade promovida dende a concellaría de Xuventude. Trátase dunha ruta en catamarán á illa de Sálvora programada para o vindeiro domingo día 16 de agosto.

Sairá do porto ribeirense ás 11.30 horas e regresará ás 19.00 horas. Con tal motivo, poderán participar os nenos e nenas acompañados por un ou dous adultos, e tamén os mozos con idades comprendidas entre 18 e 30 anos sen necesidade de acudir con menores a cargo. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse no Espazo Xuvenil (sito no edificio do mercado de abastos) ou ben telematicamente a través do enlace https://forms.gle/NYHXwpxh4yn9eCrU7. Aínda que se pode anotar calquera persoa interesada, terán prioridade as empadroadas en Ribeira. O aforo son cen prazas que con esta salvedade se irán cubrindo por orde de inscrición.

Hai programados roteiros guiados polo Castro da Cidá e o periurbano

Ribeira. A programación elaborada polo executivo ribeirense para este verán inclúe tamén rutas a pé guiadas, como as que se van celebrar todos os venres de agosto e setembro en horario de 11.00 a 12.30 horas. Terán lugar no miradoiro de Pedra da Ra e no Castro da Cidá, ofrecendo así ós participantes a experiencia de gozar dunhas vistas inmellorables do complexo dunar de Corrubedo e do arquipélago de Sálvora.

Ademais, poderán coñecer un dos xacementos castrexos máis antigos de Galicia. Por outra banda, todos os martes de agosto e setembro ofreceranse rutas polo parque periurbano de San Roque para mergullarse na prehistoria da contorna. En ambos casos cómpre facer a inscrición na oficina de Turismo ubicada na avenida do Malecón, que abre de xoves a martes en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00. Por suposto, as rutas están adaptadas aos protocolos covid e o uso da mascarilla é obrigatorio. s. s.

Tema marcado como favorito