Área
O obxectivo é recoller os traballos de creadores de todo o mundo para probar os rexistros e posibilidades do galego // Xente que descoñecía a nosa lingua anímase tamén a participar e enriquecer o noso léxico coa súa identidade TEXTO Alba Prada

Un estradense e un zaense lideran o proxecto Fálame en Nova York

  • 01 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Creo que non me equivoco ao pensar que cando un galego vive lonxe da terra varios anos, a inevitable morriña esperta ao coñecer a outro galego co que, por fin, podes expresarte na tua lingua. Algo así foi o que lles pasou a Pablo Honey, de Zas, e a Tino Barreiro, de A Estrada. Ambos coñecéronse hai un tempo en Nova York, onde levan anos vivindo, e entre conversa e conversa decatáronse de que os dous tiñan moito interese en temas relacionados coa cultura galega e a lingua, polo que non dubidaron en argallar un proxecto co que poder difundila dende Estados Unidos.

Froito desa fascinación polo noso idioma xurdiu falame.gal, unha iniciativa que arrancou o pasado 17 de maio, o Día das Letras, e que nace para recoller “o traballo de creadores e creadoras de todo o mundo” para experimentar “os diferentes rexistros e posibilidades do galego”, explican. “Comezamos pedindo pezas gráficas que ilustraran a frase ‘Eu son a túa lingua, ti es a miña fala’. Pensamos que era un xeito sinxelo de comunicar e accionar o proxecto”, comentan os creadores. A idea é que “Fálame teña moitas formas. Este inicio foron pósters con esa frase, logo pode cambiar, ou na seguinte execución pode ser unha peza audiovisual, unha performance ou calquera expresión creativa que teña como base o galego. Non hai límites”, explican.

De momento teñen recibidos deseños de diferentes partes do mundo, e tamén da nosa comunidade. Buscan ir medrando pouco a pouco e ir sumando máis xente, tanto de Galicia como de fóra. “Temos moito interese na diversidade cultural. Seguiremos publicando execucións gráficas mentres sigamos recibindo, polo que invitamos á xente a que comparta o proxecto e propoña máis colaboradores e ideas. Canto máis diversos os pensamentos mellor”, recalcan.

Pablo e Tino teñen moi claro que “é importante dignificar o galego con propostas de calidade, coa sofisticación que vemos noutras linguas e lugares”. O noso idioma “precisa falantes e mentes creativas que o usen coa mesma dignidade que outros. Quizais teñamos moitos patrocinadores que a veces o bastardizan e poucos falantes”, critican. Nun modelo global diferente ao que nos enfrontamos, “a expresión local pode recuperar o tempo perdido e considerarse como vehículo para traballar, crear, e falar sen ese síndrome de inferioridade. O galego é universal. Ao final tampouco se trata de xerar a dicotomía falsa do galego versus outras linguas”, reflexionan os creadores do proxecto. O máis rico “é o uso de moitos idiomas e linguaxes, incluso que se contaminen, pero onde a nosa poida xogar un papel ao mesmo nivel como ferramenta creativa e de comunicación. Fálame tenta explorar ese territorio, moita xente que participa nunca antes creou en galego, algúns nin o coñecían, e a súa propia identidade e orixinalidade engádese ao léxico da nosa cultura facéndoa máis rica”, sinalan Tino e Pablo. O proxecto pode seguirse na web falame.gal ou a través de instagram.

OS creadores Pablo é director creativo e deseñador. A súa aldea é Romelle, en Zas, pero vive en Nova York dende hai case 8 anos, facendo produtos dixitais para Nike, Google, Fossil, Volvo, Samsung, e tamén start ups. Agora mesmo traballa en Automattic, a empresa nai de WordPress, onde lidera deseño. Ademais tamén é profesor na Parsons New School de NY. Pola súa parte Tino é creativo independente. Naceu en Vinseiro, unha aldea de A Estrada. Leva algo máis de 4 anos en Nova York e pasou por distintas axencias multinacionais e independentes como DDB, BBDO, ou Vice. Traballou para clientes como Volkswagen, Audi, John Varvatos, ou GAP. Tamén forma parte do proxecto de Moksín Zapaterías en Galicia. O labor de ambos foi recoñecido en festivais creativos, nacionais e internacionais: Cannes, The One Show, Ny Festival, Clio, El Sol, Inspirational ou El Ojo de Iberoamérica.

Tema marcado como favorito