Área

Vedra deseña unha forte programación de verán ó aire libre

Desenvolveranse todos os eventos entre xullo e agosto, e sempre coas medidas de protección

  • 25 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Chega o verán e, aínda que estará marcado pola nova normalidade, os municipios da área metropolitana de Santiago apúranse a elaborar a programación para a época estival. O Concello de Vedra acaba de presentar Pasatempo de Verán, unha iniciativa que está cargada de actividades dirixidas a todos os públicos e que ademais clasifican en horarios de mañá, tarde ou noite. Dende o goberno local explican que tratarán de fomentar espectáculos de pequeno formato e que farán especial fincapé en que poidan desenvolverse ao aire libre.

Por suposto, en todas elas o Concello levará un control do aforo e será obrigatorio respectar a distancia mínima entre persoas e as medidas hixiénico-sanitarias. O que se busca, indican fontes municipais, “é recuperar a confianza para que a veciñanza asista presencialmente ás distintas actividades culturais”.

Para acudir a calquera delas será preciso inscribirse previamente a través da páxina web municipal. Abrirase o prazo cinco días antes de que se desenvolva cada proposta e pecharase ao completarse o aforo. “No caso de mal tempo, realizaranse nun espazo interior alternativo. O cambio será comunicado ás persoas inscritas”, advirten dende a administración local.

Pasatempo de Verán arrancará o próximo un de xullo con dúas propostas: unha clase de ioga pola mañá de 10.00 a 11.30 horas na área recrativa de Agronovo, e o espectáculo teatral Camiño da Feira, ás 21.00 horas, no campo da festa de Vedra.

O venres día 3 cativos e adultos poderán acudir a un curso de pintura paisaxística, que terá lugar en Agronovo entre as 10.00 e as 12.30 horas. E xa, dentro da programación orientada para a noite, o campo da festa de San Mamede de Ribadulla acollerá un monólogo de Pablo Chichas, ás 22.30 horas.

O 4 de xullo tocará de novo estirarse cun pouco de ioga pola mañá e o día 7, os pequenos nados entre 2008 e 2016 poderán desfrutar dunha tarde de baile deportivo no campo da festa. O 8 está prevista unha sesión de bailoterapia, para todas as idades, na área recreativa de Cubelas entre as 10.00 e 11.00. Esa mesma xornada, tocará sesión de cine infantil e familiar ás 21.00. O día 10 está programada unha escalada nocturna para os maiores de idade da vila, e ao día seguinte todos os que teñan máis de 13 anos poderán apuntarse a unha ruta en piragua polo Ulla.

O día 14 desenvolverase unha xincana e ata finais do vindeiro mes haberá actividades moi variadas, como roteiros en bici, talleres de decoración de camisetas, andainas, xogos musicais... O programa continuará en agosto con novas alternativas para todos os gustos e idades: xogos de escapismo, obradoiros de manualidades, charlas, etc. Vedra ten todo preparado para animar aos veciños tras os duros meses vividos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.