Área

Xa ten electricidade o futuro centro de saúde do Milladoiro

A parcela na que se ubica está dotada tamén de rede telefónica // Finalizáronse os traballos de saneamento e de abastecemento de auga

  • 10 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Ames dá por finalizados os traballos para dotar de saneamento e abastecemento de auga, así como de rede eléctrica e de telefonía, á parcela onde se construíu o novo centro de saúde do Milladoiro. Está pendente de executar a acometida de gas, que se vai realizar nas vindeiras semanas. Tamén se instalou un tubo poroso, por un lateral da finca, para recoller as augas pluviais, que se collerán pola parte traseira da parcela co obxectivo de que as pluviais teñan un correcto desaugue.

Ademais, xa están asfaltados os viarios que se abriron arredor do centro de saúde. O rexedor amesán, José Miñones, e o concelleiro de Obras, Blas García, veñen de reunirse co inspector da Policía Local para estudar o sentido de circulación que se establecerá nos viarios que se habilitaron na contorna do edificio do centro de saúde. Os axentes elaborarán un informe detallando o sentido de circulación e a sinalización vertical e horizontal que haberá que poñer para regular o tráfico en ditos viarios.

O alcalde sinala que “as obras que lle correspondían ao Concello de Ames están practicamente rematadas. Está pendente de executar a acometida de gas que se realizará nas vindeiras semanas. Unha vez finalizados ditos traballos notificaráselle á Xunta, para que poida entrar cantos antes en funcionamento o novo centro de saúde do Milladoiro, que é unha reivindicación da veciñanza de xa hai moitos anos”, di.

O novo centro sanitario está composto dun andar, ao que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén un andar -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O edificio contará cunha área sanitaria, que albergará seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería, unha para farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas técnicas e outras tres polivalentes. No que se refire á área pediátrica, terá dúas consultas xerais e unha de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller estará conformada por unha sala de matrona e outra de educación para a saúde.

O centro constará, así mesmo, con servizo de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social e unha área de persoal. O proxecto de construción propón un esquema de espiña de peixe, con patios arborizados, “o que permite unha boa disposición, garantindo ventilación e iluminación natural en todas as dependencias, á vez que optimiza a circulación”, explican fontes municipais.

Tema marcado como favorito