Santiago

A avogacía compostelá tramitou 2.000 casos da quenda de oficio en seis meses

O Colexio de Avogados da capital galega mantivo durante toda a pandemia un servizo que da cobertura a máis de 270.000 habitantes // Hoxe, 12 de xullo, celébrase o Día da Xustiza Gratuíta

  • 12 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Un total de 361 profesionais forman parte da quenda de oficio do Colexio de Avogados de Santiago, un servizo que está operativo as 24 horas do día durante 365 días o ano e que funcionou con normalidade dende o comezo da pandemia da covid-19.

A pesares da actual situación sanitaria, o Colexio de Avogados de Santiago tramitou no primeiro semestre de 2021 un total de 1.961 expedientes de xustiza gratuíta (327 ao mes e máis de dez diarias), que deron lugar a 1.896 designacións de quenda de oficio, das cales 988 foron asistencias a persoas detidas.

Os avogados e avogadas adscritas ao ente e os do conxunto de España celebran hoxe, 12 de xullo, o Día da Xustiza Gratuíta, unha xornada de conmemoración que serve ademais para reivindicar a importancia desta función, que garante a igualdade no acceso para todos os cidadáns.

“Quero destacar o gran traballo que fan os avogados e avogadas da quenda de oficio e o persoal do Colexio de Avogados, xa que a xestión da xustiza gratuíta supón un esforzo moi importante en medios técnicos e humanos”, sostén Francisco Rabuñal, decano dos letrados composteláns.

A institución colexial mantivo todos os seus servizos operando con normalidade durante a pandemia, incluída a quenda de oficio. “O esforzo foi moi grande e non se parou nin sequera nas semanas máis duras do confinamento e o estado de alarma”, engade Rabuñal.

Os profesionais da quenda de oficio reciben de forma continua formación especializada en diferentes temáticas, actualizando constantemente os seus coñecementos para dar a mellor asistencia ás persoas solicitantes.

A Avogacía de Santiago atende ademais a unha poboación de máis de 270.000 persoas, xa que se xestiona o territorio dos partidos xudiciais de Santiago de Compostela (Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo e Vedra), Arzúa (Arzúa, Boimorto, Santiso, Toques, Touro, O Pino e Melide), Negreira (Negreira, A Baña, Brión e Santa Comba), Ordes (Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo e Val do Dubra) e Padrón (Padrón, Dodro, Rois e Rianxo).

De toda Galicia. No ámbito da xurisdición contencioso-administrativa, o Colexio de Avogados de Santiago tamén tramita os expedientes de xustiza gratuíta de toda Galicia para as reclamacións contra determinados organismos da Xunta de Galicia con sede na capital galega, por exemplo, as reclamacións patrimoniais contra o Sergas.

No ámbito laboral, dentro da xurisdición do Xulgado do Social, tamén se xestionan os expedientes dos partidos xudiciais de Ribeira, Noia e Muros.

Unha xestión complexa. Dentro do plantel do Colexio de Avogados compostelán, a institución conta con catro traballadores que se dedican ás tramitacións e cun letrado que coordina o servizo, Manuel Arza, secretario técnico do colexio.

A solicitude iníciase coa presentación do formulario correspondente na secretaría da institución e, se o solicitante o autoriza, o Colexio terá acceso á información da Axencia Tributaria, Catastro da Propiedade Inmobiliaria e da Tesourería da Seguridade Social.

Cada caso pasa posteriormente ao seu Servizo de Orientación Xurídica, que é o encargado de asignar un avogado de forma provisional mentres o expediente é analizado pola Comisión de Xustiza Gratuíta da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta.

Violencia de xénero . Polo que respecta aos servizos de asistencia ao detido e o destinado ás vítimas de violencia de xénero, están atendidos tamén os 365 días do ano por avogados e avogadas de garda con especialización nestas materias. O Colexio aconséllalle que, antes de presentar denuncia, soliciten na sede colexial ou en dependencias policiais a designación dun avogado de oficio.

“A quenda de oficio é un servizo do colexio á cidadanía e é fundamental que a xestión da xustiza gratuíta siga en mans dos colexios de avogados, porque é a única forma de que sexa xusta, pública e siga estando ao alcance de todos os cidadáns no futuro”, remata Francisco Rabuñal.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.