Santiago

A Escola Municipal de Música programa un novo ciclo de concertos

Porá en marcha unha serie de sesións didácticas dirixida aos máis pequenos

  • 01 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Santiago. A Concellería de Educación do Concello de Santiago, a través da Escola Municipal de Música (EMM), pon en marcha por duodécimo ano consecutivo un novo ciclo de sesións didácticas, que teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos da rede de centros educativos de Compostela. Xunto a esta iniciativa programa outros eventos para o segundo trimestre do curso que presentou en rolda de prensa o concelleiro de Educación, Rubén Prol, acompañado polo director da EMM, Fernando Rey, e pola profesora Beatriz Busto.

Este ciclo, que leva por título Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM, está destinado ao alumnado do primeiro ciclo de primaria e desenvolverase no Auditorio da Escola Municipal de Música (Predio de Vista Alegre, na rúa das Salvadas s/n). A través dun conto musicado, nesta ocasión baseado no álbum ilustrado Esperando o amencer de Fabiola Anchorena, gañador da última edición do Premio Compostela de Álbums ilustrados, o alumnado participante poderá achegarse a unha gran variedade de instrumentos musicais que viven na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Para formalizar a solicitude de participación é necesario enviar cuberta a ficha de solicitude ao seguinte enderezo de correo electrónico: info@emmsantiagodecompostela.com. Atenderanse segundo a orde de entrada na Escola Municipal de Música de Santiago. O prazo de entrega finalizará o próximo 3 de febreiro.

Este mesmo ciclo xa se puxo en marcha para os nenos e nenas das Escolas Infantís de Conxo, As Fontiñas, Meixonfrío-Salgueriños, San Roque, Tambre, Castiñeiriño e Tras-Parlamento, que os pasados 24 e 30 de xaneiro puideron coñecer máis de preto os instrumentos que viven na Escola de Música.

A EMM tamén leva os seus concertos á aula hospitalaria. O primeiro deles xa tivo lugar o pasado 24 de xaneiro, no que participaron as alumnas de arpa Mariña Dopico, Ana Fórneas, Helena Fórneas, Lúa Lamas, Mariña Domínguez, Daniela García e Lía Carracedo. A Escola Municipal de Música de Santiago celebrou este luns un concerto enmarcado dentro da conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz. ECG

Tema marcado como favorito