Santiago
Este domingo pechará as súas portas a exposición sobre Julio Lado na Casa do Cabido // Máis de 15.800 persoas coñeceron de primeira man o traballo desta gran saga de ourives // Aos seus 84 anos, representa un dos últimos expoñentes de dúas técnicas centenarias como o cincelado e o repuxado TEXTO Brais Fdez.

Artesanía no seu máximo esplendor

  • 19 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Amosando pezas únicas e de enorme valor artístico da gran saga de ourives composteláns da familia de Julio Lado, a Casa do Cabido, na Praza das Praterías, acolleu dende xuño unha fermosa exposición que pechará as súas portas este vindeiro domingo. Esta homenaxe a unha das figuras máis destacadas do sector en Compostela engarza coa importancia de manter vivas unhas técnicas centenarias como o cincelado e o repuxado, e que se atopan en perigo de extinción.

A mostra, á que o propio homenaxeado se achegou para explicar ao público a historia de cada elemento, resultou ser todo un éxito, dado que dende a súa apertura xa se rexistraron máis de 15.800 visitas, unha cifra que pon en valor o interese da cidadanía polos traballos artesanais.

Baixo o título Lado, unha saga de ourives composteláns, os visitantes desfrutaron dunha sentida honra ao ourive Julio Lado, derradeiro e máximo expoñente dunha saga familiar dedicada á ourivaría e cun forte enraizamento na capital galega dende o século XIX.

Comisariada por Chus Iglesias Prado, ourive, e María Gómez García, licenciada en Belas Artes, restauradora e profesora de xoiaría na Escola Mestre Mateo, mostrouse ao público unhas pezas dun elevado valor, xa que “ninguén cincelaba nin repuxaba coma el”, salientan ambas.

Nese traslado de coñecementos de pais a fillos, a mostra conseguiu reunir unha importante selección de pezas realizadas por Julio (cuarta xeración da familia) ao longo de toda a súa vida, así como os debuxos orixinais das obras, o que permite coñecer como foi o proceso. Ademais, tamén se recreou unha pequena parte dun taller cun tabliz (banco de traballo) con ferramentas tradicionais moi antigas, algunhas delas que xa non existen e moitas ideadas pola familia.

JULIO LADO MARTÍNEZ. Nado en Compostela en 1937, representou o oitavo de dez irmáns, sete dos cales continúan no taller familiar a saga iniciada polo bisavó na rúa Rapa da Folla. Con 15 anos, morre seu pai e empeza no taller, trasladado polo avó ao número 40 da rúa do Vilar, no que se forma co seu irmán Ángel, Premio Nacional de Ourivaría en 1964.

O cincelado converteuse no sinal de identidade de Julio e Ángel. Recibían encargos de obxectos relixiosos da Igrexa, que traballaban artesanalmente. En menor medida realizaban pezas de carácter civil, debido a que o público decantábase polas de fábrica, feito que ameazaba a continuidade dos talleres dedicados á ourivaría artesanal da cidade. En 2011, tras case século e medio de traballo, pechan a xoiería e o taller por xubilación, aínda que Julio, con 84 anos, 70 deles dedicados ao oficio, continúa en activo. Nunca deixou de crear.

ÚLTIMA SEMANA. A exposición estará aberta ata o 24 nun dos edificios máis característicos do casco histórico. O seu horario é de martes a sábado, das 10.00 ás 14.00 e das 17.00 ás 21.00, e domingos, das 11.00 ás 14.00.

artesanía
Posta en valor da tradición

··· A través dunha iniciativa do gremio Ourives de Compostela, entre xuño e agosto de 2022 celebrarase en Santiago unha gran exposición de pratería e acibeche, na que se pretenden reunir pezas xamais vistas por atoparse en mans privadas.

··· O obxectivo será amosar a achega artística dunha das grandes tradicións artesanais de Santiago, punto de referencia a nivel mundial no traballo do acibeche, contando ademais cun dos mellores centros na historia da pratería peninsular. Cada vez son menos os que se adican a este sector na cidade.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.