Santiago

Continúa a convocatoria de axudas para mercar vivendas ‘históricas’

Tanto para casas novas como para as que precisen dunha rehabilitación, situadas nos cascos vellos de cidades galegas

  • 12 sep 2021 / 00:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Calquera interesado en facerse cunha vivenda situada nun casco histórico galego, sexa nova ou precise dunha rehabilitación, pode optar ás axudas postas en marcha pola Xunta para tal fin. Desde o inicio de proceso, xa foron moitos os cidadáns que as solicitaron. Todos poden recibir ata 15 mil euros de financiación. Entre as zonas incluidas nas axudas do goberno galego está o barrio de San Pedro, en Compostela.

Onte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita ao barrio, animou a solicitar as axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos, convocadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) o pasado mes de marzo e que aínda se poden pedir ata o vindeiro 15 de outubro. Na visita a San Pedro, a conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente da asociación de veciños Fonseca, Roberto Almuíña; o director do IGVS, Heriberto García; e o presidente do PP local, Borja Verea. A responsable autonómica salientou a boa acollida que está a ter esta última convocatoria, a terceira consecutiva que fai a Xunta e que permite optar a unha axuda de entre 10.800 e 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (nova, usada ou que necesite rehabilitación) nun dos preto de 50 centros históricos existentes en Galicia.

Neste sentido, explicou que o número de solicitudes aprobadas ascende xa a un total de 39, unha cifra que, en todo caso, poderá aumentar. Este balance provisional triplica xa os datos cos que se saldaron as dúas convocatorias anteriores, unha evolución que indica que esta liña de apoio aos cidadáns en materia residencial se consolida ano tras ano e esperta cada vez un maior interese entre a poboación galega. A este respecto, Ángeles Vázquez incidiu na importancia destas axudas, coas que a Xunta persegue un dobre obxectivo. Por unha banda, contribuír á dinamización dos cascos históricos das vilas e cidades galegas como lugares atractivos para vivir. Por outra, poñer en valor a súa riqueza arquitectónica e patrimonial desde o punto de vista residencial. En canto aos requisitos de acceso, cómpre lembrar que poden solicitar esta subvención todas as persoas que, con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano, subscribisen un contrato privado ou asinasen escritura pública pola compra dunha vivenda.

Todo sempre que o prezo non supere o máximo establecido na convocatoria. Os ingresos dos solicitantes non poderán superar 6,5 veces o Iprem (48.877,33 euros), o que na práctica permitiría optar a estas axudas a case o 90 % dos fogares. En canto aos importes, a contía máxima á que se pode optar é de 15.000 € sempre que a vivenda estea localizada dentro dunha área Rexurbe, unha figura que actualmente está declarada nos municipios de Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia e Tui. No resto de casos a axuda será de ata 12.800 € por vivenda se o adquirente é menor de 35 anos, e de ata 10.800 euros cando o beneficiario supere esta idade. Neste sentido, a conselleira de Vivenda tamén subliñou o interese que está a suscitar esta última convocatoria entre os mozos galegos xa que case a metade das subvencións concedidas ata o momento (17) foron solicitadas por persoas de menos de 35 anos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.