Santiago

Dardos envelenados envoltos en falsa bonhomía

    • 30 may 2020 / 21:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    ACABO DE LER un chiste realmente desafortunado. Non se preocupen. Non llo vou reproducir. Chegoume, como non, polo WhatsApp, por esa tubaria pola que desauga e desauga tanta mala baba, con tanta frecuencia, que o simple feito de que o faga empeza a resultar desesperanzador.

    Por conta dese chiste, pretendidamente de índole política, cando en realidade o que translucía era a mentalidade dunha persoa á que non me gustaría contar entre os meus amigos, empecei a recordar unha vella lectura da miña mocidade que de contado atribuín a Ibsen; ó gran escritor e dramaturgo noruegués. Non recordaba, nin recordo o título. Ata é posible que non deba atribuírlle a Ibsen o motivo do meu recordo.

    No escrito que eu recordo falábase das bromas e dos chistes, mesmo dos chascarrillos, que embaixo da súa aparente bondade, envolvida nun sorriso amable ou mesmo nunha gargallada estentórea, agáchanse verdades que feren coma navallas e descobren almas que son como pozos negros. Xa digo que ó millor non foi Ibsen quen tratou así este tema, por iso pídolles desculpas de antemán e rogo que acepten por ónde eu quero endereitar o meu comentario. Por ónde?

    Pois por onde se fai certo e evidente que a procacidade, o sarcasmo, mesmo a ironía, tamén a mordacidade ou o despropósito cruel, por pouco ou por moito que nos poidan facer sorrir nun momento dado, ou mesmo nos induzan a adiviñar o alento dun espírito inxenioso e brillante, agachan a parte máis escura cando non as máis doorosas verdades que atinxen á persoa a quen van dirixidas, cando non destrúen a imaxe de quen dirixe eses dardos envelenados envoltos nunha bonhomía inexistente.

    Da igual que os dardos envelenados vaian dirixidos a uns ou a outros, a estes ou aqueles. Todos eles, con independencia dos seus destinatarios, están axudando a enrarecer un ambiente que xa de por si está bastante cargado.

    O caso é que perdín, se é que iso é perdelo, un tempo precioso intentando confirmar a miña atribución sobre o valor que Ibsen consideraba que as xoldras, ós chistes, as regueifas, ás bromas e ás gargalladas de doada dixestión tan a miúdo encerran en si mesmas.

    Pero esa aparente perda de tempo valeume pra recordar algo que si estou certo que é da autoría daquela variedade de misántropo que foi o noso escritor.

    Refírome a Un inimigo do pobo. A historia do doutor Stockmann (espero estar escribíndoo correctamente) que descubre que a auga da que se serve a cidade está contaminada. O doutor é home de principios e denuncia o feito. Xa non recordo se a cidade ten un balneario ou varios, unha embotelladora de augas minerais ou varias, pero o caso é que a denuncia do doutor implica que a economía da xente se vexa seriamente afectada por ela, pola denuncia.

    Se non recordo mal, ata resultaba que o alcalde viña sendo irmán do doutor, así que imaxínense a opción que toma, que por se non fose abondo a xente temeu polos seus empregos, antes que pola súa saúde e que os medios de comunicación optaron pola lóxica do beneficio económico a toda costa. Resumindo, o doutor Stockmann, teimudiño el, optou por denunciar o perigo sanitario que se lle viña enriba e pasou a ser considerado un traidor, un cretino, un desgraciado que se tivo que exiliar do seu pobo e arredarse de todo canto amaba e viña sendo obxecto da súa devoción e entrega profesional.

    Ó doutor resultoulle así evidente que as raiceiras da vida colectiva estaban podres por completo e que a base da sociedade na que el vivía se corrompera grazas ás mentiras que ocultaban a presenza daquela bacteria maligna que ocupara as augas das que se servía a cidade.

    Recordo ben, en cambio, a conclusión final ou cando menos unha das conclusións obtidas polo testanciño do doutor, home de principios e valores que deberan ser incontestables: “O home máis forte do mundo é o que está máis só”.

    Na nosa sociedade está habendo máis dun inimigo do pobo, máis dun doutor Stockmann, xentes que se están quedando soas, dianas evidentes ás que se están dirixindo dardos envelenados, diatribas ominosas, comentarios oprobiosos, falacias e mesmo chistiños que por aí fóra están facendo que a xente se ría a conta nosa.

    O do señoriño montado nun descapotable, megáfono en man, clamando liberdade e rodeado de señoras, que non quedarían mal nunha película de Berlanga, cantando o Bella ciao, resulta mesmo anecdótico, amén de triste e dunha ordinariez intelectual que conmove se un o contempla a carón do papel de determinados homes de proveito, de concretos próceres e significados cidadáns ou coñecidos políticos, que calquera diría que perderon o oremus cando en realidade é que non, que non o perderon, e que acordaron poñerlle couto ó doutor Stockmann e a todo canto individuo se atreva a cuestionar a lóxica implacable que os ven movendo a eles diríase case que dende o comezo dos séculos.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.