Santiago

Denuncian a existencia de listas de espera “dramáticas” no CHUS

O PSOE pide á Xunta medidas para paliar a situación, e apunta a que é o peor panorama entre os hospitais galegos // Os datos que da o centro non coinciden

  • 09 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Máis de sete mil persoas en agarda por unha operación, listados por riba da media en Neurocirurxía e Xinecoloxía e cifras en constante aumento con respecto a dous anos atrás. Ese é o panorama que debulla o grupo parlamentario socialista sobre un dos principais hospitais de Galicia e centro de referencia en Santiago, o CHUS. Os encargados de poñer voz a todas as reivindicacións foron a deputada compostelá do PSdeG, Noa Díaz; e o voceiro socialista de Sanidade, Julio Torrado. Ambos se desprazaron onte ás portas do Hospital Clínico e anunciaron unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta que elabore, antes de que remate o ano, un plan para dar unha solución.

Na súa intervención, os representantes socialistas ofreceron os datos das listas de agarda na área sanitaria e denunciaron ademais que estes datos son na realidade superiores. Así, segundo os números oficiais proporcionados polo Sergas para este 2021, o tempo de agarda para cirurxía é de 71,9 días, que o PSOE considera demasiado elevado e superior á media galega. Na actualidade hai 7.200 persoas agardando por unha operación. “Á súa vez, Barbanza móstrase como o hospital comarcal de toda Galicia que ten os peores datos en cirurxía, cunha espera de 59,4 días”, denuncia o grupo socialista, que fala en xeral de datos peores no CHUS que no resto de Galicia en varias especialidades. A agarda para cirurxía en Neurocirurxía é de 132 días, e a segunda máis alta en Xinecoloxía, 52,8 días. As persoas pendentes dunha cirurxía pediátrica terán que agardar no CHUS unha media de 86,7 días, e dunha cardíaca 89,9 días. Nas consultas externas hai na actualidade unha media de 31,3 días, con esperas de 7,9 días en Obstetricia; 31,4 días en Pediatría; ou 12,5 en Radioterapia.

Para as probas diagnósticas, a media é de 31,4 días para a realización dunha radioloxía mamaria; 72,7 días para un TAC; 51,1 para unha resonancia magnética; 31,8 para unha ecografía mamaria ou 31,5 días para unha eco de cardioloxía.

Noa Díaz expresou a súa “fonda preocupación” pola deficiente xestión dun complexo hospitalario que, “no canto de ser referencia en Galicia, se sitúa á cola con respecto a outros no que se refire ás listas de agarda”. “Esa xestión deficiente e a falla inexplicable de recursos”, alerta a deputada socialista, “están poñendo o CHUS e a área sanitaria de Santiago e Barbanza nunha situación agónica á que, de non poñerlle solución inmediata, terá moi complexa resolución e que sitúan ao CHUS nun lugar dramático”, explica. Díaz recalca que son case 32.000 persoas as que se atopan nesas listas, o que supón un 20 % máis que o ano pasado. Tamén puxo de relevo que hai pacientes que teñen que agardar máis de catro meses e medio para unha proba.

Neste contexto, Noa Díaz lembrou que “o presidente da Xunta paseou por este centro para sacar peito acerca dos investimentos en equipamento”. “Nós o que dicimos”, recalcou, “é que o mellor equipamento dos hospitais é sempre o persoal e que o que ten que facer é dotar de máis recursos humanos aos centros para que haxa alguén que poida manexar esa nova tecnoloxía e rematar dunha vez por todas con esa agonía que teñen que padecer miles de cidadáns e cidadás da área sanitaria de Compostela”.

O Clínico afirma que a agarda para cirurxías graves é de doce días
Os responsables aseguran que se fan as contratacións que son necesarias agora

Santiago. “O CHUS realiza todas as contratacións necesarias para a posta en marcha das nosas actividades”. Esta é a rotunda resposta do complexo hospitalario á denuncia do PSOE. Así, explicaron que “nestes intres a área sanitaria está inmersa nun proceso de forte investimento tecnolóxico, así como nun proxecto de ampliación do hospital Clínico que incrementará a súa superficie en case un 30 %, que permitirán á sanidade pública compostelá seguir na vangarda da asistencia sanitaria”. Tamén indicaron que “a pesares da complicada situación que estamos a padecer coa pandemia, a área sanitaria compostelá foi quen de manter unha importante actividade asistencial e mesmo desenvolver proxectos para seguir no seu proceso de mellora continua. Toda esta actividade púdose realizar grazas á implicación dos profesionais da área sanitaria e tamén ao esforzo de contratación do persoal, tanto para a posta en marcha de novas unidades como para o incremento de actividade nalgunha das existentes”, sinalaron. Engaden que “a este incremento hai que engadir a extraordinaria contratación realizada para desenvolver a actividade directamente relacionada coa atención aos doentes con covid”, precisaron. Tamén sinalaron que “son numerosos os proxectos desenvoltos, algún deles subliñados polo presidente da Xunta na súa visita ao Clínico. Así, tal e como se puña de manifesto en xullo deste ano, ao facer públicos os datos de demora media, grazas ao esforzo e implicación dos profesionais acadouse unha importante melloría da situación asistencial”, afirmaron. Deste xeito destacaron que “a mellora experimentada con respecto ao ano pasado, aínda coas dificultades que seguimos a ter na actual situación, é consecuencia da posta en marcha, en abril, por parte da Xunta, dun Plan de Recuperación da Actividade Asistencial para toda a comunidade autónoma, dotado con 15 millóns de euros, con obxectivo de levar a cabo 230.000 actos asistenciais extraordinarios. Afirman que o 30 de xuño a espera para unha primeira consulta é de 30,4 días. No caso das operacións os pacientes máis graves agardan 12,3 días. Ademáis, destacaron que a espera para unha cirurxía é 32,4 días menos que o ano pasado.

Tema marcado como favorito