Santiago

“O bar pechado, o bus abarrotado”, os hostaleiros saen de novo á rúa

Organizaron onte unha concentración nunha das principais paradas dos autobuses comarcais // Denuncian que son o sector coas medidas máis duras

  • 16 ene 2021 / 01:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Por segunda vez na semana, os hostaleiros saíron de novo ás rúas da cidade, mais esta vez realizaron unha concentración diferente, centrada no sector do transporte. Así, capitaneados pola asociación Hostalaría Compostela, varias decenas de traballadores do sector déronse cita nunha das principais paradas de autobuses da cidade para poñer en evidencia a cantidade de pasaxeiros que pode xuntar un só medio de transporte en medio da pandemia sanitaria. A escollida foi a parada de Rosalía de Castro, onde os autobuses con destino O Milladoiro, Vigo ou Vilaxoán recollen pasaxeiros a diario.

“A hostalaría soporta as medidas máis duras para tratar de conter a pandemia –e a vista dos resultados, sen éxito–, mentres que outros sectores poden seguir traballando en condicións que distan moito das recomendacións feitas polas autoridades sanitarias”, explican desde a asociación. Onte, os propios membros de Hostalaría Compostela realizaron no interior dos autobuses un reconto dos pasaxeiros presentes. Así, baixo a proclama O bar pechado, o bus abarrotado denunciaron non só o aforo permitido, senón a falta de distancia de seguridade nas beirarrúas entre as persoas que agardan.

Por outra banda, ante o peche perimetral en vigor na cidade de Compostela, os hostaleiros consideran que non serve para reducir a mobilidade dada a cantidade de xente que pode desprazarse entre o seu lugar de orixe e Compostela, por motivos laborais o estudantís. A situación que denuncian é habitual na cidade, especialmente cando se achega a fin de semana. Os xoves e os venres a estación de tren énchese de estudantes que regresan as súas casas. No interior, os pasaxeiros non están obrigados a deixar un asento libre co resto de persoas. Esta é un dos principais argumentos dos hostaleiros da cidade para evidenciar o que consideran unha criminalización da súa actividade. Do mesmo xeito, expresaron en reiteradas ocasións a gran cantidade de persoas que se poden xuntar no interior das grandes superficies comerciais.

SEN INGRESOS. Mentres, os hostaleiros deben permanecer co interior dos locais pechados, e coas terrazas habilitadas ao 50 % ata as 18.00 horas. Por esta razón, onte volveron sacar á rúa os seus carteis Non somos o problema, somos a solución ou Hostalaría, somos todos en referencia aos sectores que dependen directamente da súa actividade: “No pasado decembro os bares e restaurantes non acolleron nin festas nin ceas de empresas e sufriron unha diminución dos ingresos dun 80% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Nese período si que houbo unha mobilidade específica noutros ámbitos, como festas privadas, onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade nin hixiene”, expresaron onte.

Por esta razón, reclaman un plan de rescate real ante o que consideran unha resposta pouco satisfactoria da Xunta. Entre outras cousas, denunciaron a insuficiencia das axudas e os duros requisitos para acceder a elas. De feito, esta mesma semana anunciaron a súa intención de presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra a Xunta ante o trato recibido. Do mesmo xeito, consideran nula a resposta do Goberno central.

Esta foi unha máis da decena de manifestacións e actos de protesta realizados nos últimos meses. Onte os hostaleiros da cidade incidiron en que as súas mobilizacións continuarán ata obter solucións.

O ocio nocturno, olvidado

··· Avante, Tarasca ou Século IX son algúns dos locais de ocio nocturno que piden un plan especial de axuda para un sector que leva pechado dende mediados de agosto. Así, na concentración de onte esixiuse de novo unha solución para o ocio nocturno en forma dunha liña específica de axudas.

··· A maior parte dos locais de ocio nocturno de Compostela permanecen pechados, e son poucos os que conseguiron dispoñer de terraza. A situación é común ao resto da comunidade autónoma polo que o ocio nocturno galego anunciou unha manifestación para o día 6 de febreiro. A marcha terá lugar en Compostela.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.