Santiago

O CEIP López Ferreiro desenvolve o reto 5 da Axenda 2030 coa súa radio escolar

  • 16 may 2021 / 00:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este curso, o CEIP López Ferreiro, a través da biblioteca, foi seleccionado desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por medio da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para os programas Biblioteca Creativa e Radio na biblio. Así pois, comezouse unha andaina na que as novas linguaxes da programación, da robótica, da radio, dos elementos visuais e sonoros, estiveron a carón do libro impreso para que as nenas e os nenos foran quen de construír a súa propia aprendizaxe desde múltiples e variadas fontes de información. E todo, sen esquecer que hai que formar persoas con valores na igualdade, na solidariedade, na cooperación, no respecto, e sobre todo, na inclusión educativa e, polo tanto, social.

É así como alumnado de diferentes cursos participou na gravación de podcasts que tentaban visibilizar o labor das mulleres desde múltiples puntos de vista: como aventureiras, como artistas musicais, como traballadoras anónimas, como escritoras a quen se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas, e mesmo como protagonistas de contos capaces de transmitir valores. Todo este material pasará a formar parte do programa “Mulleres que me inspiran”, aloxado no blog de radio do centro.

Ademais, desde a súa biblioteca, colaborouse coa Asemblea Galega de Cooperación pola Paz, dentro do seu proxecto “Escolas sen racismo”, na posta en marcha dun Obradoiro de radio co alumnado de 6º. Durante o mes de abril, as tres clases dese nivel fixeron radio solidaria e feminista, aproveitando o traballo que xa se estaba a desenvolver arredor da figura de Isabel Zendal. Así analizaron e explicaron conceptos como a brecha de soños nas nenas ou a necesidade de ter máis referentes femininos en esferas como a ciencia, a política, ou o deporte. Todo un exemplo de como as novas tecnoloxías poden estar ao servizo da lectura, da escritura, e sobre todo, da asunción de valores, como o reto número 5 sobre a igualdade de xénero da Axenda 2030, que a ONU se marcou para acadar un planeta máis sostible. REDACCIÓN

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.