ENTREVISTA
XAVIER DE DONATO // Novo decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago

“O número de matrículas é alto, pero moitos deciden abandonar a carreira”

09 feb 2023 / 06:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Xavier de Donato (Tarragona, 1972) tomou posesión este martes como decano da Facultade de Filosofía da USC tras ser elixido o pasado mes de outubro. Profesor da área de lóxica e filosofía da ciencia, Donato sustitúe no cargo a Marcelino Agís Villaverde, co obxectivo de que a Filosofía sexa “un espello para o resto da Universidade”.

Como afronta o cargo de decano da Facultade de Filosofía?

Ata o de agora a miña función na Universidade foi sempre adicada á docencia e á investigación. O máximo traballo de xestión que realicei foi o de coordinación, pero non ten apenas visibilidade. Nunca estiven en política universitaria, pero ultimamente vexo que é importante estar aí porque preocúpame o futuro da Universidade, especialmente o seu encaixe coa sociedade. Entendín que a función de decano permitiríame estar máis presente na toma de decisións. En definitiva, asumo o cargo coa responsabilidade de escoitar a todos -estudantes, docentes, administrativos- e intentar facer da institución un lugar mellor.

Cales son os principais retos nos que se centrará o equipo decanal nos vindeiros anos?

Dende a nosa perspectiva a filosofía está en alza. Cada vez hai un maior número de matriculados e incluso temos que rexeitar algunha solicitude. O problema está en que ese nivel de matrículas non se mantén ao longo dos anos e moitos van abandonando a carreira, ben porque acceden a outra ou porque deixan de lado os estudos. Entendo que algúns deles poderían continuar si se atoparan con outra situación xa que moitos din que a carreira de Filosofía non é o que esperaban. Deste xeito temos que iniciar unha reforma do grao e tamén do mestrado en Filosofía: Coñecemento e Cidadanía. Neste temos unha matrícula moi baixa e incluso periga, polo que hai que iniciar unha actualización e articulalo un pouco mellor. Atopámonos que a pesar de que os itinerarios están ben definidos da a sensación de que non ten unha dirección determinada. Non hai especialización e bo enganche coa sociedade. Por outra banda, o grao tamén queremos reformalo. Comprendo que pode supoñer un traballo a maiores para o profesorado pero os graos cada certo tempo teñen que pasar unha revisión, tendo en conta ademais os intereses do estudantado.

Contémplase unha ampliación da oferta docente?

Antes de nada hai que dicir que a Facultade de Filosofía ve nos últimos anos a necesidade de conseguir novo profesorado. Nos últimos anos xubilouse moito persoal, titulados e catedráticos e tamén houbo xubilacións anticipadas, o que implica que moitos profesores están dando materias nas que non teñen competencia, en vez de concedernos máis prazas, o que provoca descontento nos estudantes e neles mesmos. Somos unhas das poucas facultades de España ou do mundo que temos un grao en Filosofía cunha oferta moi significativa de materias de antropoloxía. Iso sucede por circunstancias históricas. Fálase de introducir un grao de Antropoloxía social e cultural e así poderíase separar de Filosofía. Se hai esa división os alumnos terían moito máis claro por onde tirar.

A internacionalización, promóvese e conséguese un intercambio con estudantes doutros países?

A internacionalización é moi importante e a Facultade de Filosofía ten vínculos internacionais con moitas universidades. Hai que mellorar a oferta porque tiñamos unha serie de convenios con universidades dende hai tempo que xa non están vixentes, polo que hai que actualizalos. E, por outra banda, a demanda debería subir porque para os estudantes é moi importante vivir esa experiencia de ir a outro país ou continente. Agora estase a estudar introducir un programa máis ambicioso dentro do marco Erasmus, pero que non require a presencialidade completa. O alumno iría a unha universidade unhas semanas e despois seguiría o curso online dende aquí, o mesmo que para un alumno da USC. Isto sería beneficioso para eles, xa que estar un ano fóra supón un gasto importante de diñeiro e as becas que reciben os estudantes non é suficiente.

Con respecto á actividade investigadora, en que punto está a facultade?

Casualmente pertenzo a un grupo de investigación moi activo que se chama Episteme, con tres becarios FPU (axudas para a formación de profesorado universitario). Normalmente é unha beca predoutoral, fan a súa tese no departamento e ademais teñen a oportunidade de dar docencia, normalmente clases interactivas baixo a coordinación dun profesor titular ou contratado doutor. Tamén temos un contrato Juan de la Cierva, de investigación temporal pero moi competitivo e dous proxectos de investigación, co Ministerio e co BBVA. É certo que existen outros grupos de investigación en Filosofía pero quizais lle falta financiación. Deberían poñerse mans á obra para traballar nesa dirección, pero tampouco é fácil. O problema é que a figura do investigador na Universidade española non está suficientemente protexida e ten que adicarse a máis cousas que a investigar. A Facultade de Filosofía ten que mellorar nese aspecto, pero teño por seguro que o fará. A Universidade ten que comprender que ten que ter un compromiso coas novas xeracións, mellorar os contratos e darlles estabilidade.

É Filosofía unha carreira con garantías de futuro?

Hai unha boa porcentaxe de ocupacións dos nosos egresados. O detalle está en que atopan un traballo pero moitas veces non é o que esperaban. A saída profesional máis inmediata é o ensino medio. Moitos fan un mestrado de profesorado e acceden ás prazas de instituto, pero temos egresados tamén no ámbito da cultura, nas empresas e institucións. É evidente que a figura do filósofo pode contribuir en moitos ámbitos como a ética de intelixencia artificial que está introducíndose na vida diaria. Necesitamos filósofos da tecnoloxía e da intelixencia artificial e iso pode ser unha saída moi importante de cara ao futuro. Ademais, os filósofos tamén poderían intervir no deseño dos plans de traballo das empresas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.