Santiago

Reclaman que as subvencións municipais sexan por concurso para garantir o control financieiro

  • 24 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Plan estratéxico. Unha das propostas con vistas á elaboración dos orzamentos municipais é a realización dun plan estratéxico de subvencións públicas por concorrencia e que se camiñe cara ao adelgazamento das subvencións nominativas de cara aos próximos orzamentos municipais. Así o proporá o grupo municipal do BNG no vindeiro pleno. “Á vista dos datos, o Concello de Santiago débese dotar dun procedemento e dunha normativa necesaria que favoreza unha maior eficacia, eficiencia e control das axudas públicas, para o que resulta conveniente a redacción e posterior aprobación dese plan estratéxico de subvencións”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. Mentres este plan non se realiza, defende que o goberno local de Sánchez Bugallo se comprometa a elaborar unha liña de subvencións destinada a entidades que traballen no ámbito dos servizos sociais con recursos suficientes para que poidan desenvolver o seu labor neste período de especial dificultade derivado da crise da pandemia da covid-19, explicou. Para a aprobación, seguimento e avaliación do plan estratéxico de subvencións, procederase á creación dunha Comisión de seguimento en que se integrarán a Intervención xeral do Concello, unha persoa representante de cada unha das áreas e entidades xestoras de subvencións, así como representantes de cada grupo político da Corporación. “Co paso dos anos, detéctase un incremento progresivo e constante das axudas nominativas, que pasaron de 955.000 euros en 2015 a 1.618.208 euros en 2021, que supón un incremento do 69 %, pese ás demandas de diversos colectivos”, sinalou, destacando que faise necesario un incremento das axudas para entidades sociais, regulada e avaliada por proxectos, cunha colaboración para traballos que non funcione por rutina nin estabeleza cantidades sen ningún tipo de criterio, concluiu. ecg

Tema marcado como favorito