Santiago
Pico Sacro, Pedroso, Monte do Gozo... A nova Senda Mitolóxica do Monte Viso únese á libreta de excursións que están realizando moitos picheleiros para facer algo de deporte ao aire libre nestes momentos de pandemia sanitaria // As figuras foron instaladas a finais do 2020 TEXTO Andrea Oca

Unha ruta máxica: divisar Compostela desde o alto do Viso

  • 24 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

No Viso déitase a cúpula estelar, que é enxoito, ermo, de poucas falas, capa remontada... Estas palabras son do escritor ourensán, fascinado por Compostela, Ramón Otero Pedrayo. Corresponden a un fragmento da súa obra O espello no serán, que leva por subtítulo Entre o Pedroso e o Viso. E así o recolle o tamén escritor Henrique Alvarellos no seu completo informe sobre esta parte da natureza de Compostela.

O Monte Viso pode que sexa un descoñecido para aqueles que estean máis familiarizados co Pedroso, o Pico Sacro ou Monte do Gozo. Ata o momento non estaba demasiado habilitado para poder subir con relativa comodidade, algo que dende finais do pasado ano xa é posible grazas á unha nova senda que inclúe figuras mitolóxicas. Pódese acceder desde varios puntos, sendo un dos máis transitados nas últimas semanas o de San Lázaro, preto do estadio. Tamén se pode ir a través do Gaiás ou desde a aldea do Viso. A nova senda permite desfrutar dun panorama completo de Compostela desde o seu cumio de 397 metros de altitude. Os que cheguen ata alí, e sempre que a meteoroloxía o permita, poderán observar o Pico Sacro, o val do río Ulla, o Monte do Gozo o Monte Pedroso, o Gaiás coa Cidade da Cultura e, por suposto, a cidade de Compostela. De feito, Viso provén do latín videre e significa “ver, divisar, examinar, revisar”.

Pero o Viso agocha moito máis, xa que é fiel relato do pasado polo que nos permite retrotraernos aos tempos dos romanos ou dos suevos. Entre as súas pedras e a terra dos camiños quedan roleiros do tempo dos suevos, no século V, o cal permite deducir tamén que no Viso habería xa un asentamento humano nese século. É dicir, a semente do sistema agrario galego e da poboación están tamén agochados entre as herbas do Viso. E, xa máis modernas, tamén hai minas abandonadas que son restos do proxecto as Minas del Sar S.A, que nunca chegou a materializarse. Do século XIX permanece en pé a Curtidoría do Viso, que mesmo conserva o rótulo e a cheminea, e que dá conta do papel fundamental de Compostela na produción de coiro a nivel estatal. Na capital galega chegouse a producir nese tempo ata o 30 por cento do coiro de toda España.

Dende o Viso podía observarse o que se coñece como Aseconia, un primitivo asentamento poboacional da época romana. Este estaría situado onde agora se ergue a Catedral. En todos eses séculos, o Viso, ao ser en parte descoñecido, conseguiu manter parte da súa esencia: conserva sen alteracións o seu perfil, o debuxo que forma coa silueta da vila. Precisamente, este era un dos accesos á cidade medieval, e conformaba unha variante do Camiño Francés. Polo que para todos os amantes da Ruta Xacobea, é un desvío que merece a pena coller antes ou despois de visitar o Obradoiro.

Así, a nova cara que luce o percorrido ata o Viso súmase ás alternativas de ocio na natureza que ofrece a cidade. En palabras de Otero Pedrayo, el Pedroso y Santa Mariña, el Viso y los agros de Ramírez y la Selva Negra de los románticos amada, como los capiteles y los labriegos, guardan una juventud –quizá una no del todo desvelada adolescencia— bajo sus viejas facciones [...] El Viso apura la secuencia del yermo.

“Á subida chégalle ben, pero está moi ben preparado e hai boas vistas”
O sendeirismo e as fotos, as outras paixóns da auxiliar de enfermería María José Otero

Santiago. Sexa por evasión ou por buscar algunha forma de ocio nun momento no que hai pouco que facer no que a vida social se refire, para a auxiliar de enfermería María José Otero o sendeirismo e a fotografía son dúas paixóns que non só lle permiten pasar un bo rato rodeada de natureza senón que a levan a evadir a súa mente da súa labor diaria no hospital de Santiago. Dela son moitas das imaxes que acompañan estas liñas.

Ela, residente no Ensanche compostelán, é unha desas picheleiras que xa estreou a nova senda do Monte Viso. “De momento fun só nunha ocasión, e comecei a subir desde San Lázaro, cerca do estadio. Recorrín case todo menos un fragmento porque comezou a chover. Baixei polo lado do Gaiás. En total foron uns sete ou oitos quilómetros”, explica María José. Pese a que está acostumada a facer outras rutas, recoñece que “á subida chégalle ben pero pódese facer sen problemas, de feito ese día había algunhas familias con nenos”. Asegura que está todo ben preparado e indicado, malia que inda non está rematado. “Hai unha subida a medio facer, pero xa hai escaleiras e un pasamáns de madeira”. E, por suposto, destaca os espazos cos seres mitolóxicos, cada un coa súa placa informativa. “Se vas por San Lázaro, o primeiro que atopas é o dragón”.

Unha vez que se completa a subida, “están moi ben as vistas, se está despexado vese o Pico Sacro. Inda que eu, se teño que escoller, quédome co Pedroso”. Ademais do Pedroso, esta compostelá fixo máis rutas en Galicia, como o Camiño dos Faros, a ruta Merza-Mosteiro ou as fragas do Eume. “Pero tamén son moito de non seguir ningunha ruta e simplemente botarme a andar”, explica este auxiliar. Para a senda mitolóxica do Viso, non dubidou en levar con ela a súa cámara. De feito, a súa afección á fotografía lévaa a pegarse un madrugón para facer unha foto no momento correcto.

Tanto o deporte como a fotografía son moi diferentes da súa vida diaria como auxiliar de enfermería. Neste momento, traballa nunha planta sen enfermos COVID polo que fala dunha situación tranquila. Sen embargo, previamente estivo destinada no servizo de Urxencias, onde “a situación era realmente caótica, así que camiñar vén moi ben”.

As figuras

En total, hai dez figuras de seres mitolóxicos, acompañada cada unha delas cunha breve descrición. Son os seres máxicos que se poden atopar no Monte Viso.

1 . Os mouros

Aparece nas lendas con aparencia humana ou como xigantes que viven baixo terra onde ocultan fabulosos tesouros.

2 . As mouras

Son mulleres moi fermosas e que ademais están dotadas dunha forza realmente sobrenatural. As mouras adoitan aparecer ao amencer en fontes ou ríos.

3. O Nubeiro

Xigante morador dos aires que cabalga as nubes dirixindo tormentas e lóstregos. Calzados cos típicos zocos producen os tronos.

4. O Tardo

Trasgo pequeno de cor verdella e ollos grandes e redondos, máis malvado que outros trasgos e que goza provocando nas persoas durmidas dor e pesadelos.

5. A Lamia

Monstro fabuloso metade muller e metade serpe que vive en covas preto de regueiros e fontes. Son moi perigosas para os homes.

6 . O Gatipedro

Especie de gato máxico que ten un corno na fronte e camiña apoiándose nas catro patas e a lingua. É un pouco malvado pois fai mexar á cativada na cama.

7 . Breogán

Rei galego que en Brigantia levantou unha gran torre desde a que se vía Irlanda, e que dará orixe á liñaxe celta desta illa, os milesios.

8 . A Coca

Animal monstruoso con corpo de dragón, ás semellantes a un morcego e grandes dentes que xorde do mar para raptar ás mozas máis fermosas de Redondela.

9 . A meiga

Muller con coñecementos de maxia e artes ocultas. É fácil confundila coa bruxa pero non actúa con maldade nin participa en aquelarres.

10. Os biosbardos

Son difíciles de describir porque a ciencia certa ninguén sabe como son. De hábitos nocturnos, viven en montes e lugares afastados.

O autor é o compostelán José Manuel Méndez Rodríguez. Outros dos seus traballos en Santiago foron a restauración dos cabezudos, o Meco do Antroido ou o deseño da fachada neogótica dos fogos do Apóstolo.

Tema marcado como favorito