Santiago

Universitarios de Santiago denuncian a falta de seguridade nos exames presenciais e a USC di que a protección está garantida

O alumnado mobilízase nas redes pedindo que se opte por probas telemáticas, mentres o Comité de Xestión da COVID do Campus compostelán apela á necesidade de garantir, coa maior intensidade posible, a igualdade de oportunidades

  • 11 ene 2021 / 13:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Nun contexto no que a cidade de Santiago se encontra en nivel de alerta máxima pola COVID aparece a preocupación polo risco de contaxios de miles de universitarios que estas semanas deben realizar exames presenciais. En consecuencia, alumnado da USC decidiu mobilizarse nas redes buscando que se lles escoite e tamén se teña en conta a vaga de frío que sacude ao país, o que dificulta o desprazamento dende moitas partes de España así como os riscos de estar nunha aula dúas horas a temperaturas moi baixas dada a ventilación polo protocolo anticovid.

As queixas de moitos alumnos, Xuntas por Políticas un colectivo de estudantes do grado de Ciencias Políticas e da Administración animaron a que a xente en twitter se sumase á iniciativa empregando o hashtag #ReaccionaUSC.

Estes estudantes de Políticas decidiron actuar porque estaban a recibir moitas queixas por parte do alumnado sobre a presencialidade dos exames, polo que fixeron unha enquisa orientada a todo o alumnado da carreira na que participaron 160 persoas. Os resultados da enquisa deixaron clara as preferencias: o 95% prefería exames online porque lles parecía máis seguro tendo en conta que a propia Xunta de Galicia recomendou o autoconfinamento. “Nós como representantes do alumnado puxémonos en contacto cos docentes de Políticas para comentarllo e despois fixemos unha campaña a nivel USC para reclamar que se non son probas telemáticas polo menos que se garantan medidas seguras, que haxa un protocolo establecido por parte da universidade que as garanta. Está moi ben que lle den liberdade ás facultades pero se ao final non se fai nada e hai aglomeracións é bastante complicado. Hai testemuñas de xente que fixo os exames o venres onde se vían grandes aglomeracións cos pasillos cheos de alumnos, porque ademais no medio dunha vaga de frío a xente non vai esperar fóra. E o feito de facer o exame coas ventás abertas con estas temperaturas xa non é só o risco de coller covid no exame senón que te arriscas a coller unha pulmonía” manifestan dende Xuntas por Políticas.

A noite do domingo estudantes de todas as carreiras da Universidade de Santiago, empregaron o hashtag #ReaccionaUSC onde defendían as probas telemáticas en substitución das presenciais e criticaban a mala xestión da USC e os docentes que non souberon adaptarse as novas circunstancias. Moitos deles mostrábanse sorprendidos de que por mor da COVID non puideron ter clases presenciais nin titorías (nin sequera individuais) pero en cambio si teñen que ir realizar exames con moita máis xente. Dende Xuntas comentan que “hai facultades nas que si que está ben plantexado, por exemplo en Física, que o teñen bastante ben organizado. Pero hai outras nas que a xente entra sen ningún tipo de organización, nin á hora de sentarse sen saber no caso dun rebrote se a persoa sentada ao teu lado tivo coronavirus. Hai aglomeracións nos corredores e incluso unha rapaza comentaba que os profesores lles mandaron deixar as cazadoras e mochilas todas amontoadas xuntas. A crítica vai dirixida á Universidade en xeral, porque tiveron tempo de poder planificar medidas, hai recursos de sobra para facer os exames presenciais de forma segura (aínda sendo o menos recomendable) tamén se poden facer online con medidas para que non se copie ou optar pola avaliación continua.”

Pola súa parte, dende o Comité de Xestión da COVID-19 da USC aseguran que os espazos da Universidade demostraron, coa aplicación dos protocolos establecidos, ser seguros no contexto da presencialidade adaptada durante o primeiro cuadrimestre de curso. Recordando que ante calquera circunstancia acreditada relacionada co coronavirus que lle impida a algún estudante asistir a un exame ou proba oficial debe poñerse en contacto coa Oficina COVID da USC. “É importante manter o foco na necesidade de garantir, coa maior intensidade posible, a igualdade de oportunidades para todas e cada unha das persoas que forman parte da USC. A presencialidade, adaptada e segura, actúa neste sentido e, como Universidade pública, non podemos renunciar a ela” manifestan dende este Comité.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.