Santiago

Volve ‘Música en Compostela’ con cursos universitarios

  • 05 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os cursos de Música en Compostela, celebrados en verán, e dirixidos a universitarios de carácter internacional, retoman a súa celebración tras un parón en 2020, por mor da COVID-19. Este ano o curso retómase, pero adaptado á situación actual. É por iso que a súa modalidade será online, a través de ZOOM.

As orixes destes cursos remóntanse a 1958, ano da súa creación por iniciativa do Mestre Andrés Segovia, e co apoio do diplomático José Míguez Ruiz Morales, director xeral de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores. Sesenta e tres anos despois, estas xornadas non só seguen a ser celebradas, senón que atraen a alumnos e profesores de todo o mundo.

Nas aulas dos cursos ensinaron prestixiosos músicos coma son Óscar Esplá, Federico Mompou, Joaquín Rodrigo, Alicia de Larrocha, Xavier Montsalvatge, Victoria de los Ángeles, Montserrat Caballé, Conchita Badía, Gaspar Cassadó ou Rosa Sabater. De entre os alumnos, destácanse nomes como John Williams ou Christopher Hogwood. Ademais, Música en Compostela foi galardoada con múltiples distincións, entre elas a Medalla de Honra da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, pola “súa labor continuada e infatigable para que a Música Española chegue a coñecerse mellor en todos os rincóns do mundo”.

Na edición deste ano, os concertos e conferencias tamén serán retransmitidas en liña, a través da canle de youtube dos C.U.I de Música en Compostela, con acceso libre e de balde para todo o mundo. O curso, que se desenvolve dende o pasado 1 de agosto e ata o sábado 14, contará con múltiples actuacións. A primeira será o Concerto de Canto e Piano que terá lugar esta mesma mañá, ás 13.00 horas, sobre o Tríptico Rosaliano de Juan Durán. Mañá, venres 6, poderemos desfrutar da conferencia de Ismael Fernández de la Cuesta, acerca do Patrimonio histórico hisponoamericano; tamén ás 13.00 horas.

Xa o sábado, José Mª Gallardo del Rey dará un concerto de guitarra ás 20.30, ao que tamén se poderá acceder a través da canle. As actividades retomaranse o luns 9 coa conferencia de José Sierra sobre Alfonso X e as Cantigas de Santa María; neste caso en directo, aberta ao público ata completar o aforo permitido.

O venres 13 será o concerto dos propios alumnos e alumnas, cuxo horario aínda está por determinar. Por último, o día 14 de agosto pecharase a edición cun concerto de clausura, ás 20.30 horas e a cargo do profesor de piano Josep María Colom Rincón. A totalidade dos actos poderán seguirse en liña polos interesados. Ademais, o curso conta con tres modalidades de inscrición: alumnos activos, alumnos ouvintes e alumnos becarios, beneficiarios dunha bolsa de Música en Compostela.

Tema marcado como favorito