Santiago

Xornalistas por un día no IES Rosalía grazas
á asociación Érguete

Obxectivo: aprender sobre as adiccións // Converteron a aula nunha sala de prensa

  • 16 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Santiago. Dunha aula do primeiro curso da ESO do instituto compostelán Rosalía de Castro saíu onte unha sala de prensa. Baixo a organización de Érguete, asociación con base en Vigo, a actividade realizouse co fin de que os alumnos aprendan sobre as adiccións e os perigos que estas conlevan. O escollido foi o alumnado de 1.º da ESO, que onte pasou de alumnado a xornalista cubrindo un acto.

Os protagonistas chegaron con ganas de preguntar e con moita información nas súas costas para entrevistar a profesionais e persoas usuarias da asociación Érguete. O seu obxectivo: aprender todo o posible das adiccións. “É un tema ao que se lle debería dar máis importancia”, explicaba Andrea García antes da entrevista. Segundo recoñece a asociación, tanto ela coma os seus compañeiros mostraron moito interese por aprender sobre as adiccións desta maneira xa que “nunca na nosa vida fixemos de xornalistas. Coñecer xente e contar historias que axudan está moi ben”, explicou David García.

Comezaron a actividade cunha entrevista a dúas educadoras sociais e a un psicólogo de Érguete. Da súa man aprenderon o que é unha adicción, como identificala, e como loitar contra ela. Tamén souberon que hai menores, un pouco maiores ca eles, que actualmente traballan dentro do programa PFIS da entidade para deixar atrás as súas adiccións. A educadora Ana Vázquez quedou “impresionada co nivel das súas preguntas”, e animounos a que utilicen todo o que aprenderon para “axudar e ensinar ás persoas do seu entorno”. Rematada esa entrevista máis teórica os rapaces e rapazas continuaron o seu traballo xornalístico falando con dúas persoas usuarias.

Primeiro cun dos residentes das vivendas de apoio o tratamento da entidade que trata de deixar a súa adicción despois de 25 anos, e despois cunha menor do programa PFIS que dende a proximidade da idade tratou de facerlles comprender o fácil que pode ser caer nunha adicción. Agora os estudantes teñen por diante a tarefa de redactar estas tres entrevistas para compartir o contido con todos os seus compañeiros e compañeiras de instituto. Sempre coa axuda do instigador desta actividade que os converte en xornalistas por un día, o seu profesor de Lingua e Literatura, Alberto Sacido. ECG

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.