Tendencias

‘A cámara escura’, as redes sociais tamén son un burato escuro

  • 21 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

José Luis Baños(Jeréz de la Frontera, 1977), antropólogo e estudoso de técnicas de teatro social e oprimido, vén de gañar a terceira edición do Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño no ano 2020 coa peza dramática A cámara escura, publicada pola editorial Galaxia no 2021.

O autor ten un importante percorrido literario, pois recibiu recoñecementos por obras teatrais como O círculo, co que gañou o primeiro premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle no 2018; Cheas de Bestas, premio A pegada do Microteatro da ESAD Galicia 2019, e Asfixia, merecente do XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia en 2019.

A cámara escura somérxenos nas dinámicas de socialización das xeracións máis novas; dos seus gustos, afeccións e pasatempos que inclúen series, videoxogos, música, así como o uso das redes sociais e a continua presenza destas nas súas formas de interacción.

As diferentes escenas –ou como o autor as denomina, “fotografías”–, que compoñen este texto teatral expoñen diálogos que perfilan un retrato do rexistro urbán adolescente e da xeración Z.

A protagonista desta historia é unha rapaza de dezaseis anos chamada Alicia que utiliza plataformas de mensaxería instantánea e diferentes redes sociais que lle permiten interactuar coa xente da súa idade. Alicia cede ás insistentes peticións do seu crush de enviarlle unha foto súa e remata sendo vítima dun tráxico episodio no que o sufrimento consegue levala ás profundidades máis escuras da dor. A foto de Alicia remata circulando polo grupo de Wathsapp da súa clase sen que ela dea o seu consentimento, convertendo a cada unha das persoas que reenviou a devandita foto en cómplices dun delito no que a única persoa culpada e sinalada é ela.

Onde se agocha toda a información que circula sen que nós podamos controlala que se difunde e reduplica cada vez máis rápido unha vez que a compartimos?

A cámara escura expón os numerosos perigos que a rapazada nova pode sufrir, non só de carácter cibernético, senón tamén aqueles vinculados co consumo de drogas como o alcohol. José Luis Baños consegue presentar, así, unha magnífica obra teatral con tinguiduras de actualidade cunha clara intención educativa sobre os perigos das ferramentas cibernéticas actuais, mediante e exemplificación dunha terrible historia como a que lle acontece a Alicia.

A era do “Pedra, papel, e tesoira” xa rematou e precisamos ser conscientes dos novos procesos: “Quilobytes, dixital, e borrar”.

marialuciaglezcastro@gmail.com

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.