Tendencias

A RDL pecha con 400 actividades e 202 entidades participantes o ano

O secretario xeral de Política Lingüística presentou as liñas de traballo aprobadas para 2021 // O investimento realizado ascendeu a máis de 900.000 euros

  • 31 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) desenvolveu ao longo do ano 2020 un importante labor na visibilización e extensión do uso da lingua galega que se materializa en máis de 400 accións de promoción do uso social do idioma desenvoltas nas súas entidades, cun importante investimento que ascendeu a máis de 900.000 euros, gran parte deles xestionados desde o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 impulsado pola Xunta de Galicia para apoiar o sector cultural no contexto da pandemia.

O secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, deu conta delas na reunión anual do Consello de Membros da Rede, onde fixo balance da memoria de actividade 2020 e presentou as liñas de traballo para 2021.

Así, a RDL acolleu un total de 424 actividades de dinamización da lingua e da cultura galegas, das cales 359 se materializaron en espectáculos de artes escénicas (con 240 representacións teatrais e 119 concertos) e 65 noutros formatos culturais (exposicións, roteiros literarios, encontros temáticos ou presentacións).

As accións desenvoltas enfocáronse principalmente cara á promoción do uso do galego na infancia e na familia, na transmisión interxeracional do galego, na dinamización lingüística entre a mocidade ou no impulso á promoción do uso do idioma desde o lecer, tanto a través do coñecido programa FalaRedes como no reforzo ás programacións propias das entidades.

Obxectivos. As liñas de actuación aprobadas para o ano 2021 inciden en actividades destinadas a incrementar o uso que a mocidade fai do galego, nomeadamente as familias novas con fillos; na posta en valor do galego como vehículo de comunicación e activo empresarial no ámbito da lusofonía; no traballo lingüístico por medio dos valores transversais como a igualdade ou a sensibilización contra a violencia de xénero; na preservación, coñecemento e difusión da riqueza toponímica de Galicia e na visibilidade do idioma e da cultura galega no Camiño de Santiago, no marco da celebración do Xacobeo 2021.

Encontro anual. O Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística reúnese de forma anual desde a súa creación, en 2010. Trátase dun encontro ao que están chamados os responsables das entidades que a conforman (concellos, deputacións, mancomunidades, asociacións e a propia Xunta de Galicia) para facer balance das accións desenvoltas nos últimos doce meses e fixar as liñas de actuación dos vindeiros doce.

Canda Valentín García e os outros representantes da Administración autonómica, tomaron parte na sesión outros trinta responsables dos concellos da Estrada, Boqueixón, Bande, Viveiro, Lalín, A Coruña, Ames, Valga, Narón, Mondoñedo, A Pobra do Caramiñal, Cariño, Marín, Cuntis, Cedeira, Quiroga, Outes e Vilamarín, así como das deputacións da Coruña e Ourense e mais do Liceo de Ourense. Tamén participou na reunión ordinaria anual a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Na sesión, ratificouse a entrada na RDL dos concellos do Corgo, Monterrei e da Pobra de Trives, co que o número total de entidades participantes no proxecto de promoción social do galego desde o ámbito local se sitúa arestora nos 202 (entre concellos, deputacións, mancomunidades, asociacións, fundacións, Consello da Cultura Galega, Fegamp, entre outros).

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.