Tendencias

A rodaxe de ‘Amigos hasta la muerte’ move a 70 profesionais

A produción recibe 279.000 euros de Cultura no marco do fondo para a atracción de producións que conta cun teito de 5 millóns de euros

  • 27 jul 2022 / 21:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiron este mércores na Cidade da Cultura de Galicia os responsables da rodaxe de Amigos hasta la muerte, película que conta co apoio da Xunta a través do seu Hub Audiovisual. O produtor Álvaro Pérez Becerra e o director Javier Veiga reuníronse cos representantes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para abordar aspectos da gravación que se está a desenvolver este verán en Santiago de Compostela, O Grove e Ourense coa participación de 70 profesionais galegos.

Amigos hasta la muerte, proxecto conxunto das produtoras Undodez e Medio Limón, convértese no segundo beneficiario da segunda quenda do fondo para a atracción de rodaxes, polo que recibe 279.000 euros para o seu cofinanciamento. O Hub Audiovisual Audiovisual da Industria Cultural é un dos grandes programas de impulso ao sector cultural do Goberno galego para o período comprendido entre o 2021 e o 2023. Con esta liña de axudas, procúrase consolidar o territorio galego como escenario habitual para acoller producións cinematográficas e televisivas.

A Xunta contribuíu a través da primeira convocatoria do Hub, en setembro de 2021, ás rodaxes en diferentes localizacións galegas das series Rapa e Argonautas, de Portocabo; Hasta el cielo, de Vaca Net TV, e da película 13 exorcismos, o novo proxecto de Bambú Producciones. Nesta segunda quenda do fondo —que implicará un investimento estimado de preto de 5 millóns de euros— tamén se está apoiar a segunda temporada de Operación Marea Negra, serie de Ficción Producciones para Amazon Prime cuxa rodaxe se está a desenvolver este verán en distintos puntos de Galicia e Portugal.

Do teatro ao cine. Javier Veiga iníciase na dirección con Amigos hasta la muerte, filme que leva á gran pantalla a obra de teatro homónima coa que o actor, autor e director vén recollendo éxitos desde hai máis dunha década. Trátase dunha comedia romántica que nos presenta tres personaxes que roldan os 40. Ao longo da súa vida, compartiron bos e malos momentos e agora, coa chegada da mediana idade, deben afrontar á morte dun deles por mor dunha enfermidade terminal.

A película está protagonizada pola actriz cántabra Marta Hazas, o actor mexicano Mauricio Ochmann e polo propio Veiga, cuxos papeis tamén están encarnados por Luna Gallego, Nacho Nugo e Óscar Allo para reflectilos na mocidade. O elenco complétase con rostros ben coñecidos polo público como Fele Martínez ou Mela Casal, ademais de incluír o trío de intérpretes que estreou sobre as táboas a versión teatral en galego: Xosé A. Touriñán, David Amor e Ledicia Sola. Ademais, Xoel López asina a banda sonora orixinal que lle porá música á fita e Javi Lopa encárgase da dirección de produción.

subvencións
Apoio ao sector audiovisual

··· As subvencións para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais en Galicia son unha das seis liñas de axuda convocadas ata o momento pola Xunta de Galicia dentro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, programa de apoio sen precedentes para o conxunto do sector que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais desta industria en Galicia.

··· A posta en marcha deste fondo de rodaxes supuxo o arranque en 2021 do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Tema marcado como favorito