Tendencias

Ana Boullón, referente na onomástica, xa é académica da RAG

A filóloga dedicou o seu discurso de ingreso á historia galega dos nomes, apelidos e topónimos

  • 11 dic 2021 / 19:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

“Que hai no nome dunha persoa, nun apelido, no nome dun lugar? Que nos din de nós como persoas e como sociedade e que legado nos transmiten estas palabras?” A filóloga Ana Boullón ingresou este sábado na Real Academia Galega cun discurso centrado en dar resposta a estas e outras preguntas arredor da onomástica baixo o título Todos os nomes: identidade, pobo, país. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, investigadora de referencia neste campo de estudo, profundou na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos nun acto que se desenvolveu no Teatro Cine Elma da súa localidade natal, A Pobra do Caramiñal. A nova académica rendeulle homenaxe á súa terra na listaxe de nomes da infancia co que pechou o seu discurso. Nomes propios, apelidos, alcumes ou topónimos que demostran que a través deles trazamos as biografías propias e colectivas, afirmou.

“Eu non son ourive da linguaxe, pero creo que cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios, festivos, zoónimos. É posible así representar o pasado compartido, as persoas, as paisaxes vividas”, concluíu.

Ana Boullón ofreceu unha síntese do que representa a onomástica galega, o campo ao que ten dedicado a maior parte dunha traxectoria investigadora na que tamén destacan os seus traballos de lexicografía ou de edición de textos medievais. E fíxoo tomando o título do seu discurso da novela de José Saramago Todos os nomes (1997), porque a historia do Nobel portugués –na que non se cita nome ningún agás o do seu protagonista, o do señor José, traballador do rexistro civil– “en certa maneira reflicte a situación de ocultación de nomes que afectou o noso país”. “A despersonalización burocrática, a indefensión ante o poder e a identidade son asuntos que atinxen directamente á onomástica”, apuntou a especialista, que recordou que todos estes nomes son parte “do noso patrimonio inmaterial”.

A filóloga, que se doutorou en 1994 cunha tese sobre antroponimia medieval galega, centrouse primeiro nos nomes de persoas poñendo o foco nos máis frecuentes na Galicia da Idade Media para logo analizar a súa evolución nas últimas décadas, os factores que inflúen na súa elección, difusión e popularización e a presenza de nomes exclusivamente galegos. A perspectiva histórica aplícaa tamén no seu discurso de ingreso na RAG ao caso dos apelidos, no que se detén tamén no fenómeno da castelanización e as trabas administrativas para restaurar as formas deturpadas; e por último abordou o caso dos topónimos, protexidos pola lexislación pero tampouco exentos de ataques, “agora tamén na cartografía en Internet”.

As trabas burocráticas á pluralidade. A lexislación española actual permite acomodar os nomes e apelidos ás linguas cooficiais mediante unha simple declaración de vontade. E malia existir un dicionario de nomes propios co aval académico e que a propia Real Academia Galega publicou un manual coas formas estándares dos 1.500 apelidos máis frecuentes –coordinado pola nova académica– para facilitar o trámite do funcionariado do Rexistro, aínda persisten trabas burocráticas.

Ana Boullón reflexionou tamén sobre a relación entre a onomástica e a identidade en diálogo con distintas voces especialistas no tema como a escandinava Emilia Aldrin, quen apunta que cando as nais e os pais escollen un nome non só reproducen certas estruturas e significados sociais, senón que se comprometen activamente na creación delas.

Hoxe toda esta riqueza está protexida pola Lei para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (2015) tras recoller a reivindicación da Real Academia Galega, recordou no seu día de ingreso como académica.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.