Tendencias

Apoio a creadores emerxentes cunha estancia de catro días no Gaiás

Participarán a finais de agosto no XI Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura

  • 06 may 2021 / 17:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ábrese a convocatoria dunha nova edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura–EAN que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea, ofrece aos novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que compartir experiencias e procesos creativos.

Corenta artistas emerxentes serán seleccionados para presentar os seus proxectos neste espazo aberto ao diálogo e intercambio de ideas, no que poderán aprender de consolidados creadores que participan como relatores.

Ademais, poderán optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk, convertidas en espazo expositivo non convencional, co Camiño de Santiago como eixo.

Enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, o encontro está impulsado pola Consellería de Cultura a través da Fundación Cidade da Cultura e a colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Dirixido novamente por Rafael Doctor, chega este ano á súa undécima edición consolidándose como unha das citas imprescindibles da creación contemporánea, onde teñen presentado os seus traballos máis de 600 creadores.

Os corenta participantes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto e compartir coñecementos con creadores emerxentes de diferentes disciplinas, pero tamén con destacados nomes da arte contemporánea dos últimos anos, como o artista multidisciplinar Abel Azcona (Madrid, 1988).

A súa obra –que nace desde a performance e a arte de acción para evolucionar en instalación, escultura, vídeo, pintura ou escritura– materialízase en proxectos de contido reivindicativo e político nos que converte o seu propio corpo e presenza en territorio para a experimentación e detonante do proceso creativo.

Considerado altamente autobiográfico e transgresor, o traballo de Azcona explora temas como os dereitos humanos, a inxustiza social, o xénero, a diversidade, a desigualdade ou a relixión, afondando en experiencias de abandono, violencia, abuso ou enfermidade mental.

O programa –a desenvolver entre o 22 e o 26 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os participantes realizarán unha presentación centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño, Jesús Madriñán, ou Nuria Güell estiveron entre os participantes seleccionados nalgunha edición cando comezaban a abrirse paso na arte.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González, e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén como observadores, compartindo a súa experiencia no apoio a novos talentos.

Os artistas emerxentes interesados en seren seleccionados deberán enviar a súa solicitude antes das 15.00 horas do próximo 2 de xullo xunto á documentación requirida ao enderezo encontro@cidadedacultura.org.

As bases completas poden consultarse na páxina web www.cidadedacultura.gal.

relatores
De longa traxectoria

···Ademais de Azcona, o #EAN11 contará entre os seus relatores coa artista visual Marina Vargas (Granada, 1980) –encargada da conferencia inaugural– quen coa súa obra busca resignificar a iconografía da arte e da cultura visual, nunha chamada de atención sobre o poder das imaxes e sobre os patróns e canons dominantes na historia da Arte, propoñendo novas lecturas dos mesmos baixo unha óptica feminista. Tamén participará a artista visual Eva Díez (Vigo, 1982), cuxo traballo podería cualificarse de fotopoético pola clara intencionalidade lírica que desprenden as súas obras. Completa a selección de relatores desta edición Eugenio Merino (Madrid, 1975), autor de controvertidas obras como Aquí murió Picasso ou Always Franco.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.