Tendencias

Avanza o expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Museo Maside

O Goberno galego completou xa a actualización do inventario de toda a colección, composta por máis de dúas mil pezas

  • 27 sep 2021 / 18:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O camiño para declarar Ben de Interese Cultural o Museo Carlos Maside de Sada avanza, xa que a Xunta acaba de dar novos pasos no seu expediente neste sentido. Así o confirmou este lunes o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nas xornadas O Museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán, nas que fixo balance do traballo do Goberno galego para garantir o futuro deste espazo cultural.

Na súa intervención, declarou que a administración autonómica vén de completar unha actualización do inventario de toda a colección.

“Trátase dunha base de datos realizada polo Servizo de Museos da Xunta na que figuran máis de 2.000 pezas e que nos permite coñecer as intervencións necesarias para frear o deterioro e asegurar a conservación das obras afectadas”, afirmou antes de engadir que actualmente só o sete por cento do total das obras presenta problemas.

“A Xunta de Galicia quere implicarse decididamente no futuro deste museo que documenta unha parte da historia cultural de Galicia”, sostivo o representante autonómico.

Para iso, tal e como avanzou, tamén se traballa en posibles vías de colaboración cos propietarios do edificio, nun estudo sobre os problemas que afectan ao edificio e no deseño dun novo proxecto museográfico que actualice a exposición. “Cremos no alto valor desta institución, e por iso queremos que estea nas condicións óptimas e necesarias para a súa apertura ao público”, concluíu.

Tamén explicou que a administración autonómica está rematando os estudos previos imprescindibles para a tramitación do expediente de declaración BIC.

“Consideramos que se compren os criterios previstos na lexislación de patrimonio cultural para artellar a súa máxima protección, pero debemos contar con un traballo sólido desde o punto de vista histórico-cultural, arquitectónico e museográfico”, afirmou ao respecto.

Unha vez que os informes estean rematados a documentación será enviada aos órganos asesores e consultivos -Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes e Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña- para que valoren a súa importancia para o patrimonio cultural de Galicia.

“É un paso fundamental no proceso de declaración BIC, xa que non se pode continuar coa incoación ata que os órganos asesores emitan o seu informe positivo”, puntualizou.

Concretou a actuación en tres vías: a protección do espazo, a preservación do edificio e da súa colección, e a apertura ao público e os investigadores do centro.

Especialistas inciden na necesidade de protección especial para este espazo

Santiago. O Consello da Cultura Galega organizou e acolleu este luns a primeira das sesións das xornadas tituladas O museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán .

“Esta é unha sesión de traballo que esperamos teña os seus froitos para o sistema cultural galego” explicou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na inauguración.

E houbo propostas concretas, como a da avogada especialista en dereito da cultura, Patricia Gabeiras, que apuntou á figura da fundación para a súa futura xestión.

“Ás veces a creación artística e o dereito non concilian moi ben”, apuntou Xavier Ferreira ao respecto.

Felipe Senén asegurou que “estamos nunha cuestión ética e estética que non encaixa ben na xeometría das leis”.

Entre as posibilidades que se abordaron durante as intervencións, plasmouse a da fundación. “As fundacións poden ser as fórmulas xurídicas máis revolucionarias porque fan que os bens non se privaticen xamais”, dixo Gabeira.

Con todo, o máis urxente é a súa protección a través da declaración de BIC.

Os expertos deixaron claro que as dúbidas actuais sobre a titularidade do centro non afectan ao proceso administrativo da súa protección pero si que cómpre definir ben sobre que tipo de protección debería afectar.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.