Tendencias

Axuda de 1,2 millóns para renovar recintos culturais

Apoio para modernizar teatros, salas e auditorios // A Xunta aproba tamén as bases das subvencións a festivais audiovisuais

  • 15 dic 2021 / 18:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Consello da Xunta aprobou este mércors as bases e a próxima publicación, en réxime de concorrencia competitiva, dunha nova liña de subvencións para a modernización e xestión sostible das infraestruturas de artes escénicas e musicais, para a que conta cunha dotación de máis de 1.210.000 euros. Trátase da primeira das convocatorias dirixida ao sector cultural galego que será xestionada pola Administración autonómica ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

A dixitalización, a xestión sostible e o respecto medioambiental son as prioridades desta nova vía de apoio aos espazos de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, que terá continuidade cunha segunda convocatoria o ano que vén. As destinatarias son as súas entidades xestoras, tanto as privadas como as integrantes da Administración local, para o desenvolvemento de proxectos de modernización desde o día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de decembro de 2022. Estas axudas implicarán a renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio, maquinaria escénica e produción en teatros, auditorios e salas, o que redundará nunhas mellores condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha meirande calidade na exhibición dos espectáculos diante do público.

Con este fin, subvencionaranse os custos de elaboración dos proxectos técnicos; as obras de instalación, modernización e rehabilitación; a compra, montaxe e instalación de equipos e materiais; a renovación das ferramentas de xestión artística e de produción de espectáculos ou os gastos de auditoría, entre outros. A contía da axuda no caso das entidades privadas poderá alcanzar ata o 80% do orzamento da proposta, cun límite de 30.000 euros por beneficiaria, mentres que para as entidades públicas esta porcentaxe sitúase no 70% e a axuda máxima en 50.000 €.


AUDIOVISUAL E O Consello da Xunta aprobou tamén as bases das subvencións a festivais audiovisuais, así como a súa convocatoria para o ano 2022, que será publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta liña de apoio dótase con 210.000 euros, cifra que supón un incremento do 5% respecto a 2021 e consolida a tendencia á alza no seu orzamento, en progresivo e continuo ascenso desde a creación en 2014 desta liña de apoio para certames e mostras do sector que se celebran de xeito profesional en Galicia e que, polas súas características, teñen un interese estratéxico no seu ámbito.

As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, diríxense a asociacións, empresas e entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, con 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Entre outros requisitos, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Ademais, co obxectivo de facilitar o seu financiamento, o mesmo Consello tamén autorizou especificamente a exención da constitución de garantías para os pagamentos anticipados de máis de 18.000 euros ás entidades que resulten beneficiarias.

Coa aprobación destas bases, o Goberno galego mantén o seu compromiso con este tipo de eventos nun marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual para a Comunidade, consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos. Recoñecese, ao tempo, o carácter estratéxico dos festivais audiovisuais como motores de dinamización cultural, ademais de económica e turística, nas súas respectivas localidades e comarcas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.