Tendencias

Axudas aos concellos para poder mellorar a oferta das bibliotecas

Galicia apoia o investimento en novidades editoriais en galego nestes centros// Prevé incrementar este ano o apoio ás actividades das bibliotecas cun 3,4% máis

  • 25 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Goberno galego vén de abrir unha convocatoria de axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e mellorar as coleccións bibliográficas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia por 550.000 euros.

Como se publica no Diario Oficial de Galicia, regúlanse dúas liñas de subvencións dirixidas ás bibliotecas e axencias de lectura públicas de titularidade municipal, unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e a outra para a mellora das coleccións bibliográficas.

Coa primeira liña de axudas, a Consellería de Cultura ofrece aos usuarios estas novidades editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e axencias de lectura.

Unha vez adxudicada as subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as súas novidades todas as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

A segunda liña de axudas están dirixidas á mellora das coleccións bibliográficas, das bibliotecas e axencias de lectura públicas. O que se pretende é actualizar as coleccións, de xeito que lles permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e así incrementar a oferta e o servizo aos usuarios, atendendo de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas que se incrementa a demanda.

O Diario Oficial de Galicia publica as condicións da convocatoria así como os prazos nos que está aberta. Poderán acceder as entidades locais titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns.

Tamén o DOG publicou xa a resolución pola que se anuncia ás editoriais galegas que poden incorporar as súas novidades editoriais en galego á plataforma de novidades editoriais para o ano 2021.

Desta maneira facilítase a visibilidade e celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios dependentes da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Con este sistema, se garante a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego das bibliotecas públicas á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións en galego que realizan as editoriais.

os prazos
Forte impulso ás editoriais

··· As editoriais interesadas poderán inscribirse ata o día 17 de setembro de 2021 (inclusive) na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia, https://novidadeseditoriais.xunta.gal , onde presentarán as súas ofertas editoriais, e que estas se poidan adquirir desde as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, beneficiarias da subvención para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, establecida na correspondente orde de convocatoria para o exercicio 2021.

··· Ambas medidas inclúense no compromiso da Xunta por fomentar a cultura nos distintos concellos galegos e apoiar tamén ao sector editorial. Prevé incrementar este ano o apoio ás actividades das bibliotecas cun 3,4% máis de investimento.

Tema marcado como favorito