Tendencias

Bo futuro para as artes escénicas nos espazos públicos e ao aire libre

A décima sesión do ciclo Diálogos Confinados que promove o CCG analizou a situación deste sector cultural

  • 29 jun 2020 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

As artes escénicas son, dentro da cultura, unha das disciplinas máis afectadas polo parón derivado das medidas para contar a pandemia. Sobre como superar a situación, recuperar a confianza do público e abrir novos camiños falaron Caterina Varela e Juan Rodríguez, coa moderación de Natalia Balseiro, na décima sesión do ciclo Diálogos confinados.

A mediadora cultural e integrante da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG Natalia Balseiro foi a encargada de moderar esta nova sesión que puxo os ollos nun dos sectores máis afectados polo peche obrigado durante os últimos meses: o das artes escénicas. Con todo, malia o obrigado parón, os participantes nesta cita albiscan dous escenarios diferentes: un positivo no caso de contratación en espazos públicos e ao aire libre, e outro moi complicado no caso de escenarios pechados.

músculo asociativo. A fortaleza do sector asociativo e o incremento de compañías asociadas e os encontros colectivos interdisciplinares están a dar lugar a un músculo asociativo máis híbrido, permeable e plural.

Outro dos aspectos que se abordaron no diálogo foi a busca de alternativas aos macroeventos e a necesidade de pensar máis nos procesos ca nos produtos. Ademais, falouse da necesidade dun regreso a prácticas vellas que foron afogadas por novas tendencias máis comerciais, de repensar as escalas de pública, entender a importancia da participación do feito cultural e da formación da cidadanía crítica nas escolas, a valoración da cultura dende a programación didáctica das aulas ou a necesidade dunha maior interlocución co sector por parte da Administracion para planificar as políticas culturais públicas.

Os participantes. Juan Rodríguez é socio fundador de Caramuxo teatro, compañía con 17 anos de traxectoria no teatro para a infancia e a xuventude con espectáculos como Feo, Mensaxe sen botella, Glub, glub, Zapatos ou Redondo. O pasado ano compaxinou o traballo en Caramuxo coa creación de Pedras de Cartón. Na actualidade exerce como presidente de Escena Galega, a asociación de empresas teatrais galegas, que conta na actualidade con 38 compañías asociadas.

Caterina Varela é bailarina e xestora cultural. Codirixe, xunto a Alexis Fernández, a compañía de danza La Macana, coa que levan creando proxectos escénicos que gozan dunha importante proxección e recoñecemento internacional dende hai máis de dez anos. Tamén é coordinadora do proxecto de Programación Expandida TRCDanza e forma parte do Colectivo RPM, composto por artistas cunha ampla traxectoria na creación contemporánea de Galicia. Dende 2019 tamén coordinan a través de Colectivo RPM a Aula de Danza da UDC.

Proxecto para dar voz á cultura galega

Santiago. Esta serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, ten como obxectivo darlle voz á cultura galega nesta situación de parálise. Diferentes voces dos múltiples ámbitos que abrangue o complexo sector cultural achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir mediante breves diálogos moderados por persoas vinculadas ao Consello da Cultura Galega.

Da a coñecer tamén as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo e mais que medidas cren necesario adoptar para paliar os estragos que a parálise está a causar no mundo da cultura. O obxectivo é tecermos unha radiografía polifónica da cultura confinada desde Galicia, coas súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato. Nas edicións anteriores prestaron a atención ao sector da arqueoloxía, ás fundacións literarias de ámbito rural e á creación literaria, ao deseño ou ao adiovisual, entre outros temas. ECG

Tema marcado como favorito