Tendencias

Cando a lingua non coñece fronteiras

  • 10 sep 2021 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cando estudei na universidade, a miña experiencia coas profesoras de lingua portuguesa -máis alá de cadansúa competencia docente- podería resumirse nunha idea: autismo verbo da diversidade lingüística do Estado español. Lembro que á primeira profesora que tiven, unha lectora lisboeta enviada desde Portugal nada empática, na cea que fixemos para rematar o curso (ela regresaba a Portugal) regalámoslle dous libros: unha guía de Cataluña en catalán e un libriño de historias en aranés. Cando o abriu, ficou abraiada pola grafía da lingua falada no Aran, occitano ao cabo: “Que engraçado, con lh e nh como em português”, ignorando que foron os portugueses os que a tomaron prestada da lingua de oc.

Outra das profesoras que tiven -excelente, doutra banda- e que tiña a condición de profesora invitada (é dicir, contratada pola universidade barcelonesa), falábanos certo día dos nomes de peixes en portugués, salientando a popularidade dos carapaus. Preguntada a que especie correspondía en castelán, dixo ignoralo. Sorprendeume que houbese uns peixes que non excedesen as liñas do Miño nin do Guadiana, para quedar limitados á costa portuguesa. Feita unha elemental pescuda, souben que se trataba do xurelo, jurel en castelán e sorell en catalán. O peixe de costa portugués por excelencia non era daquela tan privativo.

Noutra ocasión, pregunteille polo mirandés e respondeume que se trataba dun dialecto do castelán. E estando como estaba a segunda profesora preocupada polos “falsos amigos” que se dan entre portugués e castelán, para fin de curso fixen un traballo sobre “verdadeiros amigos”. Verbigracia, sobre léxico do portugués setentrional que coincide con formas galegas.

Esta digresión ven a conto para evidenciar que os portugueses, incluso os que teñen unha boa formación, aplican aos outros o seu propio mapa lingüístico, levado ata a perfección da unicidade e sen espazo para as variedades propias e alleas. A imposición do português padrão, é dicir do modo de falar do eixo Lisboa-Coimbra, levou aos falantes a ignorar -por represión allea e propia- moitos dos seus riscos lingüísticos, propios de cadansúa rexión.

Unha ignorancia filolóxica que queda evidente cando en 1999 foron recoñecidos os dereitos dos falantes mirandeses pero como se a súa fala fose unha lingua de seu, esquecendo que forma parte da área común dos astur-leonés (tampouco recoñecida oficialmente en España).

Sucede daquela que os portugueses -e nisto moitos españois non son máis competentes- ignoran que a lingua propia pode ser (é) varia, polo cal aplican tal visión aos demais (en España só se fala castelhano). E negada tal posibilidade, reprímese a prol do modelo unitario. Verbo das falas do norte de Portugal (continuadoras do común galego medieval), pasaron a seren consideradas arcaicas. De tal ignorancia xa falamos semanas atrás a propósito da publicación en galego do ensaio do profesor Fernando Venâncio Assim nasceu uma lingua.

Agora, e da man de Xosé Manuel Sánchez Rei, chéganos O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais (Laiovento). Este documentadísimo estudo procura a continuidade histórica entre as falas do norte de Portugal e de Galicia, especialmente do sur, con Miño polo medio ou non. Obra destinada preferentemente a especialistas e a un público curioso pero que ven encher un baleiro nos estudos filolóxicos tanto galegos coma portugueses. Non tanto para autoafirmación dos primeiros como de alerta para os segundos.

Sendo como foron máis serodios os estudos filolóxicos galegos -a conciencia lingüística tivo un retraso de máis de dous séculos-, Sánchez Rei recorre aos traballos daqueles especialistas portugueses que estudaron as variedades locais (especialmente literatura popular) e as semellanzas que observaron verbo das terras alén Miño e raia seca. Unha vez definido o corpus a estudar, o profesor da Universidade da Coruña establece tres ámbitos de análise: fonoloxía, morfosintaxe e lexicoloxía.

Pero máis alá do estudo detallado desta fenomenoloxía sobre o portugués setentrional, a lectura deste traballo abre a porta a algunhas reflexións sobre a lingua galega (deixando sentado que hoxe é un sistema diferenciado do portugués). Pero este é asunto que queda para os especialistas.

Joaquim Ventura

Tema marcado como favorito