Tendencias

Cos pés na terra amosa como educar un can para pastoreo

O espazo matinal A Revista analizará o aumento durante os últimos anos da produción e do consumo de cocaína

  • 05 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os espectadores de Cos pés na terra van aprender a educar un can para pastoreo e para isto terán de mestre a Jose, que amosará como levar as ovellas ben guiadiñas.

O espazo da TVG visitará tamén a Xaquín e a Tomás nas súas leiras en Gondomar. Con eles o equipo do programa cultivará, apañará e preparará os pedidos cos que fan as delicias de todos os seus clientes.

Ademais, Cos pés na terra pasará unha xornada cos Canosa, unha familia gandeira en que os pequenos se andan a preparar para un futuro entre animais e maquinaria.

A REVISTA. O aumento da produción e do consumo de cocaína durante os últimos anos será un dos temas que se tratarán este luns en A Revista. A ONU alertou sobre este incremento a nivel mundial, cun récord en 2020, cando se alcanzou o máximo histórico. Chama tamén a atención o caso da provincia de Lugo, onde os decomisos desta droga se triplicaron tras a pandemia e superan o 93% de toda a incautada en Galicia. Para falar deste asunto, o programa contará coa presenza do psicólogo Jorge Carballido, técnico da UMAD, a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes de Santiago, e do xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Alonso.

En plena macroponte de decembro, o espazo da TVG tamén se interesará polo aumento do turismo madrileño en Ourense desde que hai once meses se situou no mapa das cidades AVE de España. Desde entón, o número de turistas que utilizan este tren para coñecer a cidade das Burgas incrementouse de xeito notable. O presidente da Unión de Hosteleiros Ourensáns, Javier Outomuro, e o responsale de Comunicación de Caldaria Hotel Balneario, Alberto Canal, darán o seu parecer ao respecto.

Na mesa de ‘A Revista’ tamén estará hoxe Lidia Folgar, a nutricionista de cabeceira do programa, que explicará os prexuízos do consumo excesivo de azucre, en que alimentos se atopa e cales son os mellores substitutivos. Tamén se referirá aos xeitos en que a industria alimentaria, sobre todo a de ultraprocesados, intenta confundir os consumidores con trucos como os produtos supostamente naturais, artesáns ou caseiros e con alimentos infantís ou light.

Ademais, Loly Gómez conversará con Gaspar Broullón, produtor de ‘O corpo aberto’, unha longametraxe de terror-folk, baseada nun relato do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, que chegará aos cines o vindeiro venres.

Tema marcado como favorito