Tendencias

Curso de especialización en técnicas de benestar dirixido ós profesionais

A Deputación ourensá impulsa esta iniciativa no ámbito hidrotermal e de balneoterapia

  • 09 sep 2021 / 17:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Santiago. A Deputación de Ourense porá en marcha a principios de outubro o terceiro curso de especialización en técnicas de benestar, un programa formativo impartido polo centro Lito Seoane e o grupo Caldaria, no que dez alumnos formaranse máis de dous meses nos ámbitos hidrotermal e de balneoterapia.

O curso foi presentado este xoves no Pazo Provincial pola deputada de Política Social, Luz Doporto; o CEO de Lito Seoane, José Luis Sánchez, e a directora médica de Caldaria, Mª Dolores Fernández.

Luz Doporto enmarcou este curso “nunha nova mostra da decidida aposta desta institución polo termalismo, que se é considerado como a xoia da coroa do turismo de benestar nestes tempos, ten unha relevancia moito maior como a opción de lecer e descanso que a xente máis valora e Ourense ofrece con servizos de alta calidade”.

Cualificou este programa como un exemplo máis de colaboración público privada.

José Luis Sánchez agradeceu á deputación a posta en marcha deste curso “no contexto do gran labor que esta institución está a desenvolver no termalismo”, destacando de modo expreso a iniciativa de proxectar no Pazo Provincial a construción do gran hotel balneario de Ourense.

Tamén agradeceu ao grupo Caldaria a súa colaboración por facilitar as prácticas dos alumnos, “un valor engadido cunha empresa líder que non poden ofrecer outras iniciativas formativas.

A directora médica de Caldaria, María Dolores Fernández, subliñou o elevado nivel de esixencia do curso, “xa que se precisan profesionais formados para traballar tanto en balnearios como noutro tipo de instalacións sen augas mineromedicinais”.

O curso, gratuíto e reducido a dez prazas polas restricións sanitarias, está dirixido a estudantes con coñecementos en estética e coidados persoais, titulados en enfermaría e no coidado de maiores, ou profesionais.

Cunha duración de 120 horas a impartir en máis de dous meses, consta de oito módulos de formación en técnicas hidrotermais e de balneoterapia ou habilidades de comunicación.

As inscricións para o curso, que comezará o 4 de outubro e rematará o 2 de decembro, poden realizarse nas web da Deputación de Ourense, Lito Centro e Caldaria. redacción

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.