Tendencias

Darío Xohán Cabana entra a formar parte do ‘Album de Galicia’

Foi poeta, tradutor, narrador e académico cunha obra ciclópea
en lingua galega

  • 16 feb 2022 / 19:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Santiago. Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, presentes en antoloxías e obras colectivas. A súa obra foi musicada por Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros. Así, Darío Xohan Cabana (Cospeito, 1952-2021) entra no Álbum de Galicia cunha biografía asinada por Miro Villar.

Toda a súa obra está escrita, segundo explica Miro Villar na súa entrada do Álbum de Galicia “cunha lingua de ouro que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica”.

Darío Xohan Cabana foi un poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galega que Miro Villar repasa na súa biografía.

Na entrada destácase a súa inxente faceta creativa que arrinca en 1970 coa obra Verbas a un irmao, á que lle seguen numerosos títulos.

A súa produción poética está case toda compilada Vinte cadernos: Poemas 1969-2002 (Xerais, 2003) con prólogo de Moncha Fuentes. Tratábase dunha poesía de corte comprometido que mesturou a partir dos noventa cun estilo formal de corte clasicista.

Tamén cultivou narrativa “con textos que abeiran desde a novela histórica, como a longa e épica Morte de Rei (1996) baseada no malfado do noso rei García, os relatos breves a mesturaren realidade e fantasía no ronsel de Cunqueiro ou unha exitosa entrega de obras de literatura infantil e xuvenil” explica Villar. Se foi premiado polo seu traballo poético e narrativo, tamén o foi polo de tradutor. “Recibiu pola súa coidada versión do Cancioneiro e A Divina Comedia de Dante a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E en 1994 a súa Vida nova de Dante recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca o Premio AELG de Tradución en 2012, As floriñas de San Francisco o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido en 2014 e unha nova versión corrixida da obra A Divina Comedia de Dante o Premio AELG de Tradución en 2014.” Asegura Miro na entrada, que remarca que “en todas elas demostrou o seu oficio ao conservar a métrica e a rima orixinais” escribe Miro Villar.

Foi tamén Académico da Real Academia Galega. Ingresou o 22 de abril de 2006, a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, padriño de voda e literario. O xénero que menos cultivou foi o ensaio, e empregouno para glosar a biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008), do que aprendeu en Edicións do Castro.

A súa entrada incorpora abondosa documentación sobre a súa figura, así como vídeos e audios que dán conta do seu perfil e amosan a súa faceta creativa. redacción

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.