Tendencias

Do exilio ao estado das autonomías

Ramón Villares analiza a relación entre o exilio republicano e a plurinacionalidade

  • 03 nov 2021 / 21:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O longo período do exilio republicano español deu lugar a diversas casuísticas conforme foron pasando os anos e a súa referencia-espello, o réxime franquista, foi modificando o seu espírito. Así, no período inmediatamente posterior ao fin da contenda, cando a represión acadaba cotas terribles, os exiliados aínda mantiñan a nominalidade das institucións da República e dos ámbitos autonómicos existentes ata 1939. Unha vez rematada a guerra mundial e en tanto en canto a ditadura franquista continuaba -especialmente despois dos acordos cos Estados Unidos e da entrada na ONU-, a táctica dos exiliados tivo que acomodarse a unha velocidade de cruceiro lenta, de deixar que o tempo fose pasando.

Naquel período encetado en 1936 e que rematou coa chegada da democracia en 1977, os exiliados non só tiveron que exercer a memoria das liberdades senón tamén ter presentes aqueles oasis dos que as culturas catalá, vasca e galega dispuñan no estranxeiro. Esta relación ao longo de tantos anos ven de ser estudada por Ramón Villares en Exilio republicano y pluralismo nacional. España, 1936-1982 (Marcial Pons).

O profesor Ramón Villares analiza con precisión a evolución da oposición interior coa progresiva incorporación de sectores que en 1936 foron proclives á sublevación (caso de Ridruejo ou Gil-Robles), unha vez que o réxime franquista evidenciou a súa nula vontade de reforma. E en paralelo, a aceptación que do fenómeno plurinacional tivo que facer a oposición no exilio, incluso por parte daqueles sectores a priori unitaristas. Con todo, os sectores nacionalistas subestatais -en definición de Villares- tiñan unha dimensión distinta. Así, fronte á debilidade orgánica do galeguismo, o PNV contaba con claras complicidades económicas no interior e da democracia cristiá europea e mais do Vaticano no exterior.

A prol da aceptación da plurinacionalidade de boa parte do exilio español estaba a lembranza de que nos anos da Segunda República houbo un falso autonomismo (especialmente en Castela) que non era senón unha reacción refractaria fronte á particularidade catalá e, en menos media, vasca. Era aquela teima de Calvo Sotelo dunha España “antes roja que rota” e dun “café para todos” avant la lettre cando defendía “Estatutos de autonomía para todos o ninguno”.

Con todo, no interior e xa ben axiña, houbo unha aceptación da pluralidade lingüística por parte dos intelectuais máis activos e intelixentes. Así, os congresos de poesía de Segovia (1952), Salamanca (1953) e Santiago de Compostela (1954), que despois tiveron continuidade en Mallorca a partir da revista Papeles de Son Armadans impulsada por C. J. Cela.

Unha dinámica que contrastaba co relativo inmobilismo do exilio mentres que no interior emerxían diversas manifestacións identitarias (non necesariamente nacionalistas) en terras que nos anos da República non callaron en forzas políticas de seu (País Valenciano, Aragón). E en paralelo, e no caso catalán, o apoio xa nos anos sesenta ao presidente da Generalitat no exilio, Josep Tarradellas, de determinados sectores empresariais e intelectuais identificados anos atrás coa Lliga, como recentemente demostrou Jordi Amat, circunstancia que Villares non cita, e que facilitou a súa restauración en 1977 da man de Suárez.

O certo é que entre exilio e interior houbo dos procesos en paralelo que se ben en ocasións contactaban, normalmente ían a ritmos diferentes non tanto verbo da vindicación das liberdades senón na asunción da plurinacionalidade do Estado español. E naqueles anos, unha ausencia significativa foi a do PSOE (xeneticamente unitarista), mentres que a partir do desenvolvemento industrial que arrancou cos Plans de Estabilización, o PCE gañou protagonismo grazas á extensión de Comisións Obreiras, que no caso de Catalunya e malia a clandestinidade, colleu a condición de organización nacional catalá, en paralelo á do PSUC.

Unha situación que chegou ao momento da verdade cando as liberdades puideron seren exercidas e que, mal que ven, se solucionou co título octavo da constitución de 1978. Unha solución en falso, cabería dicir -tal vez non había marxe para outra-, na medida en que situaba a base territorial do Estado nas provincias. Amais, non definía explicitamente as linguas distintas do castelán nin as nacionalidades e rexións autonomizables -como se unhas e outras aparecesen ex novo-, o que levou á proliferación de autonomías -algunhas absurdas- que, no fondo, non pretendían outra cousa que salvagardar a singularidade de Madrid como centro político e financeiro, mentres as burguesías locais se entretivesen cos novos gobernos autonómicos.

Joaquim Ventura

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.