Tendencias

Elisa e Marcela: unha historia de amor e persecución

  • 21 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Aló polo 8 de xuño de 1901 casaban na parroquia San Xurxo, na Coruña, dúas persoas que hoxe en día son coñecidas como pioneiras dos dereitos do colectivo LGTBIQ+: Marcela e Elisa que -por motivos evidentes- neses momentos empregaba o nome de Mario.

Unha historia tan enrevesada e apaixonante que sen dúbida semella inventada, pero que afortunadamente conta cunha fonda base documental, entre a que podemos atopar unha certificación do Arquivo Diocesano de Compostela asinada -e aínda valida- da súa unión, así coma unha prolífica cobertura mediática.

Esta historia de amor remóntanse a medidados da década de 1880, cando Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga se coñecen. Narciso De Gabriel Fernández, un dos grandes historiadores sobre a vida destas mulleres -con títulos como Elisa e Marcela. Alén dos homes- explica que naquela época Marcela, que era máis nova, estaba estudando na Escola Normal de Mestres da Coruña, mentres que Elisa, que xa rematara os estudos de maxisterio, traballaba en labores de administración ou de servizos.

Como aconteceu non é nin sabido nin relevante para a historia, pero definitivamente entre elas xurdiu o amor. Conta Narciso -que adicou máis dunha década a biografiar as súas vidas- que para o ano 1888 xa exercían en diversos concellos (Dumbría, Coristanco e Vimianzo) e tentaban facer que os seus destinos cadrasen o máis preto posible e verse cando non traballaban.

Anos despois comenza a parte máis rocambolesca desta historia. No 1901 discuten, “o que xustifica que Elisa abandone Dumbría e anuncie que ten previsto embarcar con destino a La Habana”, narra Narciso, á vez que Marcela anuncia que vai casar cun primo da súa amiga, Mario, que chegaría proximamente a Galicia e moi parecido a ela.

Por suposto, todo foi parte dunha argucia coa que estas dúas mulleres buscaban poder estar xuntas, unha “coartada” para que ninguén sospeitase que, en realidade, Elisa estaba na cidade herculina, cortando o pelo e deixando bigote: agora, ela era Mario.

A ‘guinda do pastel’ foi a formalización da súa nova identidade. ‘Mario’ confesou a un párroco que seu pai fora protestante, pero que agora quería abrazar a fe católica, polo que é bautizado pouco antes da súa voda. Antes de que rematase o verán desde mesmo ano, Elisa e Marcela xa eran ‘marido e muller’.

O que podería ser unha fermosa historia de amor, axiña se converte en anos de persecución e homofobia. As dúas retornan a Dumbría, onde as descobren e amezan con entregar a Elisa á Guardia Civil, polo que esta retorna á Coruña. Alí, o mesmo párroco que a bautizou como Mario sométea a unha inspección médica e constata as acusacións.

Da historia faise eco a prensa - La Voz de Galicia bautiza o seu casamento como “o matrimonio sen home”- e son perseguidas polas autoridades, polo que as dúas teñen que fuxir. En Oporto “viven felices durante un tempo”, explica De Gabriel, pero son detidas o 16 de agosto e, finalmente, extraditadas -presuntamente- a Arxentina.

Pouco se sabe delas dende entón. Parece ser que Marcela estaba en cinta dun rapaz da vila -quizais para dar máis veracidade á argucia, ou quizais foi o que as motivou a casar- e deu a luz a unha nena que agora sabemos que se chamaba María Enriqueta.

Sobre Elisa, sábese que no 1903 casou cun home danés, que acaba por denunciala ao averiguar a súa historia, acusándoa de hermafrodita -unha defensa que ela mesma empregara cando a descubriran- pero un médico sobresee o caso. A partir de aquí De Gabriel apunta a varias posibilidades. No 1909 unha muller bótase ao mar de Veracruz, e segundo relata, un xornal de Madrid faise eco da nova e apunta a que podería ter sido Elisa. Outras fontes apuntan, en cambio, a que morreu arredor do 1940 en Bos Aires, a causa dun cáncer, aínda que non se pode confirmar ningunha das posibilidades.

O que si sabemos con certeza e que as protagonistas desta -triste e dura- historia, que foron perseguidas e discriminadas, fixeron fronte a unha igrexa e unha sociedade homófoba e sexista, que non as quería deixar ser felices. Son, así, as primeiras -e únicas- mulleres casadas pola igrexa, cun matrimonio que nunca foi anulado.

Colaborou inmensamente á popularización da súa historia a estrea da filme de Isabel Coixet en 2019 ‘Elisa y Marcela’, que contou coa colaboración da compañía compostelana Zenit TV e o apoio da Xunta de Galicia.

Pero esta non é a única homenaxe que recibiron estas dúas mulleres, que contan non só cunha rúa que leva o seu nome na cidade herculina, senón tamén cun premio que ALAS Coruña entrega anualmente recoñecendo o traballo a favor dos dereitos das persoas da comunidade LGTBIQ+. Uns recoñecementos ben merecidos e aínda máis necesarios, pero tamén insuficientes para poñer en valor a súa valentía.

Tema marcado como favorito