Tendencias

Feijóo enxalza “o galeguismo de concordia” da Xeración Nós

O presidente inagurou no Museo da Cidade da Cultura a exposición que reúne máis de 300 pezas sobre a revista e o movemento destes históricos intelectuais

  • 03 oct 2020 / 07:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou onte “o galeguismo de concordia” ao que foi “fiel” a centenaria Xeración Nós, fronte a “radicalismos que desgarran os pobos” e que xurdiron no período de entreguerras en Europa.

Así o manifestou durante a presentación da exposición Galicia, de Nós a nós, que reúne máis de 300 pezas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago. Ao acto de onte acudiron tamén, entre outros, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Neste contexto, o presidente da Xunta mostrouse “seguro” de que a exposición, que dá continuidade ao ciclo para conmemorar o centenario da revista Nós, “non defraudará a calquera persona que teña a oportunidade de achegarse”.

Galicia, de Nós a nós destaca por reunir máis de 300 pezas de 64 institucións culturais e coleccionistas privados, ademais dos 134 números da revista Nós e a Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, acabada no século XIX e que Ramón Otero Pedrayo gardaba na súa casa.

Tamén se exhiben nesta exposición obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, remarcando a dimensión de universalidade da cultura galega. A exposición permanecerá no Centro Gaiás até o 17 de xaneiro aberta ao público de martes a domingo, pero posteriormente viaxará por distintas cidades da Comunidade, como Ourense e Pontevedra.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo destacou e agradeceu o traballo dos comisarios da mostra Ana Acuña, profesora e investigadora da Universidade de Vigo, e Alfonso Vázquez Monxardín, académico da RAG, así como a colaboración institucional da Deputación de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na súa participación no acto de inauguiración da mostra destacou que “é a mostra máis completa sobre o movemento cultural, político e social máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista”. E ñadou que “cando falamos de ourensanía poñemos de relevo a peculiaridade que nos caracteriza, que nos identifica e que nos une, unha comuñón dos ourensáns coa Patria Galega, que tan ben reflexou o espírito da Xeración Nós”.

un país. O presidente Feijóo explicou no seu discurso que ao redor da revista que saíu á luz hai 100 anos “xa non se moven” pensadores en “illamento”, senón que son “toda unha xeración agrupada e conxurada para unha acción común” baseada en “incesantes expresións culturais que hoxe dan forza a un país chamado Galicia”.

“Cada paso que demos como pobo, cada creación, cada escultura, cada poema, cada cantar foron etapas que nos levan até aquí. Somos o resultado de distintos vínculos culturais que nacen da vontade de manifestar que Galicia ten unha voz propia que quere ser escoitada”, engadiu.

E é que hai un século, a Xeración Nós xurdiu nun momento “transcendental” para a cultura galega: “Pasa da heroica resistencia a unha posición expansiva”. “A Xeración Nós percorre a nosa cultura, retrátaa e rescátaa”, resumiu.

En palabras de Feijóo, o “redescubrimiento” da cultura failles “esquecer o cosmopolitismo dos que non senten de ningunha parte” e encamiñarse cara a ese outro “que incorpora as culturas locais e nacionais, achegando horizontes longos” como un “chamamento a todos os galegos, sen distinción”.

“A partir deste fito, a cultura galega ten un lugar relevante e imprescindible nas sinfonías das culturas do mundo. De feito, a Xeración Nós forma parte do selecto patrimonio da cultura europea: é importante para nós e, ao mesmo tempo, figura entre os movementos europeos que esperaban para espertar do seu soño”, proclamou.

integración
Alicerce Sólido

··· O académico da RAG Alfonso Vázquez Monxardín, comisario da exposición xunto a Ana Acuña, destacou a esta mostra como un traballo “ilusionante” e unha “homenaxe colectiva” á Xeración Nós, un dos “alicerces sólidos” da cultura galega xunto ao Rexurdimento.

Galicia, de Nós a nós trata de conectar os vellos tempos cos tempos actuais”, abordou, á vez que subliñou a “vontade de transversalidade” que garda esta mostra de cara a “integrar participacións diversas”.

A exposición Galicia, de Nós a nós permanecerá no Museo da Cidade da Cultura até o 17 de xaneiro como parte do ciclo do centenario da histórica revista Nós.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.