Tendencias

Frío no outono, principio das trompetas do monte

    • 02 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    CANDO O OUTONO se está lindo, o samedín e o sanmartiño xa pasaron, as follas vólvense amarelas ou castañas no chan... é o período no que os cogomelos que aguantan máis o frío van aparecendo de forma regular. Entre eles están as coñecidas popularmente como trompetas (Craterellus spp.).

    Reciben o nome de trompetas porque teñen a forma deste instrumento e o pé é totalmente oco, por iso cando se recollen para consumo é conveniente abrilas ao medio para ver se hai algún bichiño vivindo no seu interior. O tamaño raramente chega aos 8-10 cm de alto e o chapeu aos 4-6 cm de diámetro.

    Son frutificacións cartilaxinosas, da consistencia da orella, flexibles, non parten facilmente. Teñen forma de funil co bico moi longo, mentres que o cono superior é pequeno, ten a marxe ondulada e a cutícula, a pel superior, como lixeiramente cuberta por pequenas escamas cando están secas. Non teñen láminas, nin poros por debaixo, senón pregues, máis ou menos grosos, ou engurras. Ao ser ocas pesan realmente moi pouco e secan moi ben ao ar.

    En Galicia hai varias especies de trompetas que poderían recollerse e empregarse na cociña debido á súa abundancia, á boa calidade, á facilidade para identificalas e a que non son confundibles con ningunha especie perigosa.

    Poden aparecer a partir de outubro, cando hai algúns días húmidos e fríos, pero sobre todo vense durante o final do outono. Son tan abundantes, que ás veces, en pouco máis dun metro cadrado pode apañarse un cesto delas. E máis, no mesmo lugar aparecen 3-4 colleitas cada outono e repiten todos os anos. Son dunha fidelidade absoluta.

    Todas son especies micorrícicas, de aí que teñan certa especificidade de hábitat e con certas árbores en particular.

    As tres especies de maior calidade son: Trompetas castañas (Craterellus tubaeformis) que se caracteriza por ter grosos pregues, na parte inferior da boca do funil, grises, negros ou acastañados claros. O chapeu e o pé varían moito de cor. En xeral son de cor parda, máis ou menos escura, moito máis raro de cor amarelada, mentres que o pé tende máis ás tonalidades citrinas, chegando ás veces a ser verdadeiramente amarelo. Pódese atopar tanto en carballeiras como en piñeirais.

    É moi semellante á trompeta amarela (Craterellus lutescens), pero neste caso non hai pregues, senón engurras pouco marcadas na superficie fértil, por debaixo da boca do funil. E as cores tenden moito máis a amarelas ou alaranxadas claro, tanto no pé como no sombreiro, aínda que hai variedades co chapeu acastañado claro. É case exclusiva de piñeirais, e ás veces, convive moi preto da anterior.

    Esta pode usarse tanto para guisar como para facer sobremesas, a diferencia da anterior que é máis basta e non tan doce.

    E, a terceira, non por iso a peor, é a trompeta negra ou trompeta da morte (Craterellus cornucupioides). Non ten pregues, senón engurras. O nome débese a que o pé e o chapeu son de cor negra brillante cando están húmidos, en tempo seco faise mate, e o pé e a superficie inferior da boca do funil son de cor cinza. Aparece en carballeiras e soutos, ás veces debaixo da maleza dos bordes e das follas.

    A trompeta negra pode conservarse seca e triturada, para aderezar carnes, pasta, arroz... Conserva un forte aroma, como a regaliz antes de ser cociñada.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.