ENTREVISTA
Juan Viaño, catedrático de Matemática Aplicada da USC

“Fun un neno de aldea que tivo a sorte de ir á universidade e ser reitor”

22 sep 2020 / 00:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

{Boqueixón, 1955} O profesor Juan Manuel Viaño Rey pronunciou a lección inaugural na apertura do curso 2020-2021 na Universidade de Santiago, acto solemne que presidiu o reitor, Antonio López, no Salón Nobre de Fonseca. É catedrático de Matemática Aplicada da USC e presidente do proxecto divulgativo Estalmat. Advirte de que tivo que “picar moita pedra” na súa traxectoria académica

Vén de pronunciar vostede a lección inaugural na apertura do curso da USC sobre as matemáticas da (súa) vida. Cales son?

Como sabe, foi o título da miña intervención, xogando co dobre sentido das matemáticas da vida e, particularmente, as da miña vida. Eu fun un neno de aldea, do fondo do Pico Sacro, que tivo a sorte de poder estudar na universidade, dar clase e mesmo chegar a ser o reitor da institución.

Bota de menos a reitoría?

Foi unha etapa fantástica e formidable na que eu pretendín trasladar á universidade todo o que aprendín anteriormente, a miña experiencia na xestión... Mágoa que non puidese levar a cabo todos os proxectos, pero é unha etapa pechada e cuberta. Non, non a boto de menos.

E segue de cerca a xestión actual?

Tampouco. Naturalmente sigo preocupándome polos problemas enormes que temos neste momento tan convulso, pero as miñas ansias agora están na docencia, a investigación e a divulgación. Teño que completar investigacións pendentes e seguir coa miña vida académica, como xa veño facendo dende hai dous anos.

Que achegan as matemáticas, que papel xogan no mundo actual?

As matemáticas están en todo o que nos rodea, en moitos ámbitos da vida. Na enxeñaría civil, os transportes, o espazo sideral, a meteoroloxía, a saúde, as proxeccións electorais, os investimentos e cáculos financeiros... Na era computacional, todas as matemáticas son aplicables. Cando vou ao traumatólogo, penso como a rexeneración ósea do meu pé –tiven unha fractura de peroné en xaneiro facendo o Camiño de Inverno– e a integración dos parafusos ten que ver coas matemáticas. É así.

Por certo, como está?

Bueno, logo de oito meses de recuperación a base de repouso e exercicios, por fin me deron a alta médica. Falta que se normalice o retorno venoso e linfático para que non me inche o pé, pero xa estou ben.

Hoxe presumimos de facultade, pero fala vostede de precarios inicios.

Claro, hai cincuenta ou sesenta anos estaba todo por facer. As matemáticas españolas eran irrelevantes, había algunhas individualidades, pero non escolas consolidadas. Aquí estaban García Rodeja, Vidal Abascal ou Valle Méndez –creador da escola de matemática aplicada en Santiago, Sevilla e Málaga–, que, á vez, eran continuadores da escola de Lalín, liderada por Ramón María Aller.

E como resolveron ou enfrontaron a tarefa?

Tivemos que traballar arreo para poñernos á altura dos científicos estranxeiros. Houbo que facer un sobreesforzo brutal. Pero sentamos as bases das matemáticas en Galicia, situándoas a nivel internacional. Esa transformación transcorreu entre os anos 1975 e 2005.

Por que dá anos concretos de principio e fin?

Porque temos un fito histórico que así o acredita. En 2006 celebramos en Santiago a asemblea da Unión Matemática Internacional, coa participación de representantes de 164 países. En cen anos de existencia da organización nunca se fixera esta xuntanza en España. Vir a Santiago foi o recoñecemento explícito dos logros que acadaramos.

E ademais da facultade con titulación única en Galicia, tamén podemos presumir de investigadores de primeiro nivel.

Moitos dos nosos profesores e matemáticos da USC están hoxe a nivel mundial. E hai algúns máis que non se prodigan o que poderían.

Os titulados saen, ademais, practicamente colocados?

Así é, apenas temos paro entre os egresados de Matemáticas. O lamentable é que, en xeral, demasiados mozos magníficamente preparados non se poidan quedar a traballar en España. É o que nos falta para ser unha potencia mundial como Alemaña, USA, Xapón, Reino Unido...

Como se corrixiría esta eterna canción?

O investimento en I+D en España é do 1,2% do PIB fronte á media europea do 2%, mentres que en Alemaña sobe ata o 3%. O investimento en I+D non é só facer edificios, é contratar xente. Por iso son as empresas estranxeiras as que explotan o noso talento.

Posúe no seu currículo cinco libros de docencia e tres de investigación, dirixiu quince teses de doutoramento e asinou setenta artigos de investigación que se publicaron en revistas científicas de alto impacto. É notable esta produción científica?

Para os de nosa época é un balance notable. Para os de agora é máis doado chegar a unha produción así. Se non tería sido concelleiro do meu pobo, director de departamento, decano, vicerreitor e reitor, quizais tería o dobre.

De feito, chegou a catedrático con só 32 anos

Cheguei, un catedrático moi xove. Vin de París en 1986 para facerme cargo do departamento con 31 anos, e ao ano seguinte saquei a cátedra.

Que fixo en París?

Fora facer unha estadía como profesor convidado á Universidade Pierre e Marie Curie (hoxe unida coa Sorbona). Alí daba clases en francés a 400 estudantes nunha aula tipo anfiteatro.

E que lle ensinou aquela estadía?

Serviume para ver como se facía ciencia e investigación. Como se publicaba. Como se organizaban as clases interactivas cos estudantes, os seminarios... E empapeime do ambiente intelectual e científico que me acompañou sempre. Os da miña xeración pasamos de escribir co pizarrillo a manexar os ordenadores cos que colocamos as naves en Marte.

Pasando por unha elevada dedicación?

Tiven que picar moita pedra, se ben a miña experiencia pode estenderse aos meus colegas. Porque o investigador está cen por cen sobre o cabalo. É unha carreira durísima, un estuda días enteiros e as fins de semana, cando outros marchaban a verbenas e bailes. O traballo intelectual esixe unha concentración e dedicación de moitísimas horas, que afecta á túa vida cotiá.

Compensoulle?

Volvería a facelo, pero claro que ten un custe. Cantas xuntanzas e momentos familiares perdín por estar arriba no meu despacho... Estiven permanentemente conectado, e o demais pasaba a segundo plano. É duro dicir isto! Pero non estou arrepentido.

Carmen María –presente nesta pregunta–, coa que comparte dous fillos e tres netos, non llo reclamou nunca?

Nesta casa sempre houbo xente da familia. Os dous somos moi tranquilos. O certo é que tivo moita paciencia. Ademais da crianza e o labor doméstico, entretíase coas súas lecturas, os bolillos, a televisión... Recordo ben, cando de mozos, nos saudabamos de casa a casa, porque ela é de alí en fronte. Hoxe vimos de facer 42 anos de casados.

Impulsor do Proxecto Estalmat en galicia

O Proxecto Estalmat, que busca estimular o talento matemático entre os alumnos de 12-13 anos, foi posto en marcha en Galicia no ano 2017 por Juan Viaño, que segue a ser o seu presidente. “É a idade na que os rapaces empezan a barruntar ou descubrir as súas preferencias. É un espectáculo e unha experiencia educativa xenial que funciona case soa”, explica Viaño. Cada ano preséntanse uns 350 rapaces a unha proba “moi difícil igual en toda España” que se fai na facultade de Santiago, da que saen escollidos só 25. Durante vinte sábados cada curso, nos seguintes tres anos, farán actividades matemáticas na facultade, aínda que tamén van un par de xornadas á Escola Técnica Superior de Enxeñaría, ademais de facer un campamento un fin de semana.

“Nais e pais marchan, mesmo chorando, súper agradecidos. Suplícannos poder seguir. Acontece que vén xente de moito talento, algúns son altas capacidades que atopan aquí un medio de relacionarse. E nunca nestes trece anos abandonou ninguén. É un proxecto divulgativo que me produce unha extraordinaria satisfacción”, engade.

Viaño indica que a cuarta parte dos participantes acaban estudando a carreira de Matemáticas; recoñece que non son moitos, pero matiza que o bo resultado é cualitativo. “Logras estudantes brillantísimos. Trátase de aproveitar unha predisposición natural ou o talento matemático”, di.

Tema marcado como favorito