Tendencias

Galicia dentro da Segunda Guerra Mundial, eido dun foro do CCG

A xornada puxo de manifesto o seu papel non neutral nese duro conflito

  • 15 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A xornada Galicia e a II Guerra Mundial, organizada onte polo Consello da Cultura Galega (CCG) tivo un debate en directo ás 18.30 horas onde Luis Domínguez, coordinador da mesma, dixo “Falamos sempre da pegada de Galicia da Segunda Guerra Mundial pero se cadra é tan ou máis importante a que o conflito deixa en Galicia”. O coordinador considerou que este encontro “puxo de manifesto que o que aconteceu con este conflicto bélico foi unha proba de que non estivemos á marxe e, parafraseando aos galeguistas da preguerra, Galicia é unha cédula de universalidade que estivo e está conectada coas correntes europeas”.

En tres paneis púxose enriba da mesa que “a suposta neutralidade non foi tal e que houbo incursións nun e noutro bando” apuntou Domínguez.

Isto uníase tamén a unha situación xeográfica moi interesante desde o punto de vista do control das comunicacións. O primeiro panel centrouse en analizar a participación galega no eixe Berlín-Roma-Tokyo. Tres relatorios quixeron radiografar esa realidade á que achegaron moitos matices.

O profesor da Universidade de Lisboa Antonio Muñoz Sánchez puxo sobre a mesa os traballadores forzados e voluntarios galegos na Alemaña nazi, e o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, analizou o papel galego na División Azul.

Seixas asegurou na súa intervención que non é un capítulo moi estudado nin moi coñecido. O aspecto máis local chegou da man de Antonio Giráldez Lomba, do Instituto de Estudos Vigueses, que ofreceu as claves da colonia alemá en Vigo nos anos da guerra, que deixou unha importante presenza e mesmo tivo un importante colexio na cidade.

O segundo bloque tentou analizar o impacto que a guerra tivo na nosa economía, sobre todo a través da explotación do volframio. Sobre o papel que desempeñou no noso país falou Joan-Maria Thomàs, da Universitat Rovira i Virgili

Esta xornada está organizada polo Arquivo da Emigración Galega, centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques.

Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou tamén Luis Domínguez.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.