Tendencias

Galicia, en busca do talento da mocidade, anima a participar no Xuventude Crea

A conselleira de Política Social entregou os galardóns aos premiados nas catorce categorías// Repartíronse 51 distincións e 12 mencións de honra

  • 20 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A conselleira de Política Social, Fabiola García, entregou onte os galardóns aos premiados este ano no programa Xuventude Crea, onde animou á mocidade a participar neste programa para descubrir os novos talentos de Galicia. Durante o acto, celebrado na Cidade da Cultura, os gañadores nas 14 categorías puideron expoñer a súa experiencia e presentar as súas creacións.

A conselleira destacou que cada ano segue medrando a calidade e a innovación das obras presentadas polos mozos. En total repartíronse 51 premios e 12 mencións de honra nas diferentes disciplinas. Como novidade este ano incluíronse as especialidade de Creación de videoxogo e Novela curta, que se suman ás de Artes plásticas, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Fotografía, Graffiti, Moda, Música, Poesía, Teatro e Videocreación.

Ademais, este ano desenvolverase un ambicioso proxecto que permita dar visibilidade ás obras gañadoras. Para iso, estase a traballar na proposta dunha xira de certas disciplinas do Xuventude Crea, sempre que as condicións sanitarias o permitan. Tamén se potenciará a creación de obradoiros, charlas ou actividades por parte das persoas premiadas nos Espazos Xoves da Comunidade e presentarase unha exposición itinerante dos máis de 10 anos do programa.

Cómpre lembrar que este ano por vez primeira a obra gañadora na categoría de Novela Curta vai ser publicada pola editorial Xerais co apoio da Xunta, chegando así ás librarías galegas.

Galardonados. Na categoría de Cociña, o primeiro premio foi para Shewit Pérez Izaguirre, polo seu prato Brisa Marina; en Banda deseñada, o principal galardón foi para Miguel Pérez Ramudo, pola obra Joaquín Vaamondeo, unha promesa truncada da Xeración Doente; e na especialidade de Artes plásticas, o primeiro premio recibiuno Adriana Bratuas Arijón, pola súa obra A memoria do baleiro.

Pola súa banda, en Fotografía o primeiro premio foi para Helena Lafuente pola súa creación O pasado esquecido; en Moda a gañadora do primeiro galardón foi Ana Mª Vázquez pola súa creación Hand(some); na especialidade Deseño de moda o primeiro premio recibiuno Sofía Rivas, pola obra Xénese; en Música o premio foi compartido entre Amorodo, cos temas Estilo amorodo e Quero e Battosai, polos temas Cuanto tiempo e Deixa xa de molestar.

Por último, o gañador na modalidade de Graffiti foi Javier Caamaño coa obra Raposo; en Videocreación, o primeiro premio foi para Carlota Álvarez Feijóo pola obra Zafirada; en Teatro gañou o grupo Palimoquiños e Cía pola representación de Os miserables; en Novela Curta o gañador foi Adrián Gómez Ramos coa novela Cando sangren os lobos; en Poesía o primeiro premio recibiuno Ciro Fernández por A bóveda do ceo; en Videoxogos gañou Elvia co videoxogo Odal; e en Danza Modera, gañou Mera coa obra Litost.

Récord de participación. A edición deste ano acadou un récord de participación con preto de 500 mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte ás 382 do ano anterior. Os premios para cada especialidade son de 3.000 euros o primeiro premio, 1.500 euros o segundo premio e 1.000 euros o terceiro premio.

Tema marcado como favorito