Tendencias

Homenaxe a Cunqueiro polo 41 aniversario do pasamento do escritor

A Xunta, institucións e persoeiros da cultura participaron nos actos de onte en Mondoñedo

  • 28 feb 2022 / 17:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Mondoñedo (Lugo). O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte nos actos que o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro organizaron para homenaxear ao escritor mindoniense no 41 aniversario do seu pasamento.

As iniciativas, que comezaron cunha ofrenda floral ante a tumba do célebre escritor, seguiron no Auditorio Pascual Veiga, onde tivo lugar a presentación aos medios do documental Cunqueiro. A grande ilusión, o maratón de lectura de obras do autor e, por último, a presentación do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura.

O secretario xeral de Política Lingüística referiuse a Cunqueiro como “un dos máis brillantes artífices da literatura galega” e explicou que 41 anos despois do seu pasamento, “o xenial autor mindoniense, mestre das letras galegas, volve sorprendernos e admirarnos. O documental amosa como levou ata as súas últimas consecuencias, e desde logo moito máis aló dos límites da narrativa, a súa faceta de fabulador, de creador de mundos e de personaxes”.

Canda o representante da Consellería de Cultura tamén participaron nesta homenaxe o alcalde e a tenente alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero e Elena Candia; o director do documental e o director de Ouvirvos, Roberto Conde e Xosé Aldea; o coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

Recordo desde a Xunta. A Consellería de Cultura colaborou nestes actos de homenaxe a través do documental Cunqueiro. A grande ilusión, elaborado por Ouvirvos e dirixido por Roberto Conde ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

Esta curtametraxe divulgativa investiga sobre a obra poética do autor de Merlín e familia co obxectivo de reconstruír o capítulo máis descoñecido da vida de Cunqueiro e pode verse no Portal da Lingua Galega, así como na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Tamén o I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela conta co apoio do Goberno galego, así como da Editorial Galaxia, que publicará as obras gañadoras do certame. redacción

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.