Irene Grau gaña o Díaz Pardo que outorga a Deputación da Coruña
O xurado escolleu por unanimidade a súa obra ‘Sobre lo que resta / 162114-W-2’
Santiago. A artista Irene Grau (Valencia, 1986) coa súa obra titulada Sobre lo que resta / 162114-W-2 é a gañadora do XVII certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas da Deputación da Coruña.
A obra está realizada con cinzas recollidas dos incendios na comunidade no ano 2017 sobre lenzo.
Un xurado composto por Elena Bangueses, David Barro, Xosé Manuel Buxán, Ánxela Caramés e Mauro Trastoy –gañador da edición anterior- escolleu por unanimidade a obra da artista Irene Grau de entre as corenta finalistas que foran seleccionadas do total das presentadas a esta nova convocatoria do Premio Díaz Pardo de Artes Plásticas da Deputación Provincial da Coruña.
O xurado valorou a calidade da obra presentada e titulada Sobre lo que resta / 162114-W-2, e de xeito especial “a súa orixinalidade e capacidade conceptual e crítica para transferir a paisaxe e o contexto galego á pintura”.
Sustentabilidade dos materiais. Tamén salientou “a coherencia á hora de traballar o pictórico a partir da acción de camiñar e de observar a realidade”, así como “a sustentabilidade dos usos dos materiais empregados” por Irene Grau en referencia á cinza procedente dos incendios do ano 2017.
A artista Irene Grau (Valencia, 1986), vive e traballa en Santiago e é doutora en Belas Artes pola Universidad Politécnica de Valencia.
En 2010 recibiu unha bolsa de Excelencia Académica e de 2011 a 2015 a bolsa FPU concedida polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para desenvolver os seus estudos de doutoramento.
Foi recoñecida a nivel estatal e internacional con premios como Generaciones 2018, as Becas de Creación Artística en el Extranjero Gas Natural Fenosa 2017 MAC, A Coruña, o Premio Mardel Artes Visuales 2017, ou o premio PhotoEspaña Of Festival en 2015. Ademais, en 2016 foi incluída na lista Forbes 30 Artists under 30–Europe.
Ten amosado o seu traballo en exposicións individuais en institucións e galerías europeas e americanas como o Abroms-Engel Institute for the Visual Arts (Aeiva) en Birmingham,US; Madison Museum of Contemporary Art (MMoCA) en Madison, US; Projeto Fidalga en São Paulo, Brasil; a galería Heike Strelow en Frankfurt, Alemania, e no Centro de Arte Alcobendas, Madrid; así como en exposicións colectivas en La Casa Encendida en Madrid; o CaixaForum de Barcelona; o CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Madrid, ou no CDAN Centro de Arte y Naturaleza, Huesca, entre outras.
Recentemente, Irene Grau amosou proxectos específicos en Bombón Projects en Barcelona; na Fundación Cerezales Antonino y Cinia – FCAYC; IVAM en Alcoi, Valencia, e na Fundación DIDAC da capital galega. redacción