Tendencias

Javier Veiga ou Pili Pampín, entre os protagonistas do ‘Land Rober Summertime’

Entre outros momentos divertidos, os espectadores verán a nova aventura de Dosinda no rural

    • 11 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Santiago. O humor con maiúsculas será protagonista un xoves máis na Televisión de Galicia, que ofrecerá unha nova entrega de Land Rober Summertime, unha refrescante oferta coa que os amantes da comedia poden vivir este verán os mellores momentos e os sketchs máis hilarantes deste programa de referencia na canle pública.

    Así, nesta edición de verán do Land Rober, os espectadores verán a Dosinda como carteira no rural, Paco e Chefa terán unha reunión co titor do seu fillo repetidor, asistirase a unha reunión, sen tradutor, contra o cambio climático entre Portugal e España, Protección Civil asistirá ao rescate dun reporteiro, Os Casquetes buscan o madrileño comendo marisco e xogarase a Pibón ou tripón, entre outros momentos divertidos.

    Os convidados que pasarán esta noite polo programa serán os actores Javier Veiga, Nerea Garmendia, Antonio Garrido e o portugués Pedro Barroso, e a cantante Pili Pampín. Todo isto, coa participación, coma sempre, de Roberto Vilar, Eva Iglesias, e Miguel Canalejo.

    É hora de festa amosará este serán como se viviu a multitudinaria 36 edición da Feira do Bonito de Burela, en que se repartiron uns 3.500 quilos do prezado peixe, e da foi testemuña este sábado pasado o programa da Galega.

    O espazo amosará algunhas das actividades que se puideron gozar esa xornada na vila mairñeira, como foron a I Ruta BTT Enduro ‘Monte Castelo – Bonito de Burela’ e a II Quedada de Coches Clásicos Feira do Bonito. Tamén amosará a concesión do recoñecemento do galardón Bandeira Azul ao Barco Museo Boniteiro ‘Reina del Carmen’ e o pregón do xornalista, músico e escritor burelense, Martiño Suárez Fraga.

    E como en toda festa que se prece, as charangas, bandas de música e concertos de grandes grupos galegos, puxeron a nota musical a unha gran xornada festiva nesta localidade da Mariña lucense.

    A REVISTA. O magazine A revista recibirá hoxe a visita de Graciela Castro, artífice da feira ‘Un mercado en cada porto’ e da exposición fotográfica ‘Matriarcas’, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa empresa Onyvá Eventos. A presentadora Loly Gómez conversará con Graciela sobre o itinerario desta segunda edición de Un mercado en cada porto, coa que se busca homenaxear e reivindicar todas as mulleres artesás da nosa terra, que dedican gran parte da súa vida a traballos tanto no mar como noutros labores tradicionais. Tamén participarán no programa a palilleira Lucita e a deseñadora de telas Sara, entre outras mulleres que forman parte desta iniciativa. Tras pasar por Poio, Portosín, Rianxo e Fisterra, a feira e a exposición seguirán percorrido proximamente cara a Malpica e A Coruña.

    Por outra parte, Loly Gómez, na compaña da colaboradora e xornalista Inma Morandeira, interesarase coas wedding planners Tamara e Olaia polas tendencias deste verán na organización de vodas.

    Tema marcado como favorito