Tendencias

Jimena Fernández de la Vega, Científica do 2021

A RAGC valorou o seu carácter loitador en tempos difíciles e a súa contribución aos campos da xenética e da hidroloxía sanitarias

  • 11 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará á doutora Jimena Fernández de la Vega como Científica do ano 2021, facendo pública esta decisión nunha data tan sinalada como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra hoxe.

A RAGC valorou especialmente o seu carácter loitador, amosado desde que fora a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago (USC) xunto coa súa irmá Elisa, onde acadou ademais o premio extraordinario.

Na súa carreira investigadora tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España. Posteriormente, os seus traballos no campo da hidroloxía aplicada á saúde foron tamén de enorme valía.

A RAGC quere, por tanto, “dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.

Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro co gallo do Dia da Ciencia en Galicia, programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.

Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo. Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) foi unha xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios.

En 1913 matriculouse na Facultade de Medicina da USC como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas de francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos.

Tres anos máis tarde doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid, coa tese Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico, baixo a dirección do doutor Pittaluga da que se conserva un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.

Especialización. Jimena foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España. Así, Jimena foi destinataria de sucesivas bolsas JAE en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, para traballar cos profesores Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll e Julius Baur.

Neste período realizou estudos sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica e traballos de xenética experimental sobre os problemas constitucionais e súa relación coa herdanza (xenotipo), publicando numerosas contribucións.

A súa volta a España, observou un certo descoñecemento dos fundamentos da xenética aplicada á saúde polo que desenvolveu unha intensa labor de divulgación. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a Sección de Xenética e Constitución en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora.

cambio radical. Realizou unha segunda estadía de investigacións en centros punteiros de Alemaña e Italia no curso 1933-1934, para profundar no eido da herdanza e constitución.

Ao seu regreso, a ciencia oficial en España decidiu un cambio radical da orientación da xenética, abandonando a metodoloxía experimental e transformando o Seminario nun centro de estudos xenéticos teóricos.

Jimena Fernández de la Vega foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial da realización de estadías en centros referenciais para desenvolver frutíferas traxectorias profesionais que permitiron darlle unha salientable visibilidade ás científicas da época.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.