Tendencias

Juan Sin Miedo

    • 23 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Xa son moitos meses reflexionando. Máis de trescentos días para ler, pensar, dar voltas polo pasillo, ler outra vez, pensar máis, escoitar o silencio e contemplar, na procura dalgunha sorte de consolo, a paisaxe, rural, urbana, bucólica, industrial, fermosa ou deprimente, que ofrecen fiestras de todo o mundo concitadas nunha web (View from my window, probe e mande foto).

    Un efecto de tantos meses de reclusión ou semi-reclusión é a autoflaxelación, individual e colectiva, á que, como somos medio parvos, nos sometemos dende o derradeiro 14 de marzo: o virus do carallo, veña do morcego, do pangolín ou da pega rabelá, é, sen dúbida, o signo da apocalipse, non se sabe aínda se dun armaxedón que levará o planeta a facer puñetas dunha vez ou dunha apocalipse máis modesta, unha fin do mundo de segunda división, sen volcáns trousando lava, sen sismos catastróficos, tsnuamis devastadores nin a peña morrendo polas rúas deixadiña da man de Deus, que calamidá. Ora, como é unha cousa non de aquí, senón de todos os países ricos, é inevitable pensarmos que a civilización occidental, ou o que entendemos por tal, tíñao ben merecido.

    Non inventamos o concepto aldea global? Pois velaí as consecuencias. Se é que, ben mirado, chegar hoxe a Wuhan leva o mesmo que hai cento cincuenta botaba un maragato para poñerse en Betanzos dende Castrillo de los Polvazares.

    Eu, que non son máis ca un crocodilo chorón, si creo que a voracidade do capitalismo, para ternos a todos apapostiados como años, tirou da manga un invento aínda máis pavero denominado estado do benestar, esencialmente baseado no consumo compulsivo e, no caso de España, asentado en dúas patas: o turismo e a carallada. E, con estes vimbios, chegou o bicho patife que mandou á uci, alén de milleiros de persoas, o turismo e a carallada.

    Creo que autoflaxelarnos serve de pouco. Pero aproveitar para darlle unha voltiña ao mundo e recuperar claves e esencias absolutamente perdidas, si que pode pagar a pena. Voulle contar algo.

    Imaxine un tipo que cruzou en bicicleta, so e en completa autonomía, parte da selva amazónica, o gran deserto australiano, o lago Baikal xeado, a taiga siberiana, os Andes e o deserto de Atacama, o Ártico canadense e, finalmente, 1200 km sobre o xeo da Antártida. Imaxine este tío baixo os 45º do interior de Australia ou os -35º antárticos. So. Pedaleando todo o día. Durmindo nunha tenda.

    Este tipo existe, chámase Juan Menéndez Granados e é natural de Pravia, Asturias: toda unha celebridade. Contrastar os méritos de Juan Sin Miedo (chámanlle así, claro) cos logros e a catadura moral de Diego Armando Maradona, un ente semidivino para media humanidade, é o que me leva a intentar recuperar claves e esencias absolutamente perdidas. Xa digo, ao mellor témolo merecido.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.