Tendencias
Falamos con Luis Alonso Álvarez, historiador e autor de “As tecedeiras do fume. Historia da Fábrica de Tabacos da Coruña 1804-1935.”

“La Tribuna”, de Pardo Bazán, dende os ollos dun historiador

Neste ano no que se cumplen 100 anos da morte da autora, falamos dunha obra clave na literatura española, que moi anticipadamente á súa época daba pinceladas do que hoxe chamamos feminismo

  • 28 ene 2021 / 13:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Chegou o 2021, e con el cúmprense 100 anos da morte de Emilia Pardo Bazán. Esta autora aproveitou a súa condición privilexiada para facerse un nome entre os creadores literarios máis relevantes da época, que aínda así non permitiron a súa entrada na Real Academia Española. Iso si, empregou a súa influencia para reivindicar a necesidade de igualar os dereitos e oportunidades das mulleres ás dos homes, incidindo especialmente no dereito á educación, tanto na súa obra como na súa actuación pública.

Publicada en 1883, La Tribuna foi a primeira novela social e naturalista española, tamén a primeira onde se inclúe ó proletariado e, máis concretamente, o proletariado feminino. Nela cóntase a historia dunha muller obreira que traballa na Fábrica de Tabacos da Coruña, retratando o ambiente das cigarreiras deste lugar, ó que denomina “Marineda”. Na novela nárrase con dureza o mundo industrial, os horarios, a maneira de traballar, o ambiente obreiro neses anos de intensa mobilización social... E á vez lévase a cabo unha profunda análise do mundo do traballo feminino, coa dobre xornada como traballadoras e ao chegar a casa como nais, describindo un escenario no que a emancipación da muller obreira e as reivindicacións laborais do proletariado cobran un protagonismo ata entón inexistente no mundo literario.

“La Tribuna”, de Pardo Bazán, dende os ollos dun historiador

Por mor disto, falamos con Luís Alonso Álvarez, doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Barcelona, catedrático xubilado da Universidade da Coruña e autor da obra As tecedeiras do fume. Historia da Fábrica de Tabacos da Coruña 1804-1935. Este libro constitúe, ademais dunha homenaxe ás cigarreiras da Palloza, un traballo polo miúdo de investigación e de reconstrución histórica do que sería o maior establecemento industrial de Galicia ata a guerra civil. Nel atopamos descricións exhaustivas non unicamente das condicións de traballo e as actitudes sociais e sindicais das cigarreiras da Palloza, senón tamén das estratexias empresariais e a evolución dos espazos industriais, a propia historia urbana, as decisións do goberno central e o contexto internacional.

Dáselle entre as súas páxinas tamén, como non podía ser doutra forma, unha especial relevancia á obra de Pardo Bazán, acompañando a Luís na narración e descrición dunha época da fábrica á que o autor decidiu chamar “A palloza que viu dona Emilia”, tamén a modo de modesta homenaxe, apunta no texto.

Cando comezas co proxecto deste libro, e cal foi a túa inspiración para levalo a cabo?

Levaba algún tempo investigando os hábitos de consumo da poboación en relación co tabaco, un tema que garda relación coa demanda desa droga dende o século XIX ata a actualidade. E unha das cousas que me chamou a atención foi un documento sobre unha, ímoslle chamar, folga na Fábrica de Tabacos coruñesa nunha data tan cedeira como 1831, é dicir, de hai case douscentos anos. Iso me levou a descubrir que, xa naqueles tempos, quen traballaba na fábrica eran mulleres, fronte ao que acontecía en Sevilla, na Habana, e noutras cidades de Europa e América, que eran homes, aos que se lles pagaba máis que ás mulleres polo mesmo traballo. Entendíase que as mulleres tiñan ao seu home que as mantiña e, polo tanto, o que se lles debía pagar polo traballo na fábrica supuña só un complemento familiar. Esta feminización do emprego era unha singularidade que a Palloza compartía naqueles tempos na Península só coa fábrica de Cádiz. Todas esas circunstancias leváronme a querer saber máis. O resultado foi o libro que publicou A Nosa Terra, unha editorial por desgraza desaparecida e, anos despois, a actual empresa tabaqueira e propietaria da fábrica encargoume unha tradución ao castelán, nunha edición máis ampla na que me estendín ata o ano 2000, que foi cando pecharon a factoría.

Pardo Bazán define á maioría das traballadoras da fábrica coma mulleres cunha grande conciencia social e na súa maioría adscritas ó Republicanismo Federal, coa excepción das que ela chamaba as “aldeanas”. Como experto na historia do movemento obreiro, por que se producen as diferencias que comenta a mesma Pardo Bazán, entre as reivindicacións do proletariado da urbe e o proletariado do rural? Realmente existía e/ou existe unha confrontación de intereses?

No eido das ideoloxías, a Pardo Bazán era unha reaccionaria de manual. É unha circunstancia que non ten nada que ver co elevado valor literario da súa obra, que ela fixo tamén compatible con ser unha precursora do que hoxe chamamos feminismo. Pero era unha reaccionaria que anoxaba aos liberais, republicanos e demócratas e que suspiraba polos réximes absolutistas, como o de Fernando VII. E máis especialmente, ela era partidaria do pretendente á Coroa española, don Carlos, e non no sentido literario e figurado como din que era Valle Inclán. Dito así resulta moi grave, pois os partidarios de don Carlos, os carlistas, desencadearon tres guerras civís na España do século XIX. Sobre a outra parte da pregunta, teño que dicir que dona Emilia nunca aturou ás cigarreiras que viñan das parroquias do rural a traballar, como tampouco soportaba aos labregos que suaban nas terras familiares das Torres de Meirás. Isto é ben sabido porque o reflicte en toda a súa obra. Pero tampouco é que mirase para ben ás cigarreiras que vivían en Marineda. Temos moitos exemplos na obra que comento na que simplemente as despreza. Quen lle interesaba era Amparo a Tribuna, porque lle proporcionaba moito xogo literario. Penso que no fondo de todo agroma unha cuestión que remite ás diferencias de clase, de superioridade case supremacista, que diríamos hoxe en día. Enténdeme ben, tampouco desexo trasladar categorías do presente ao século XIX, algo que nunca debemos facer os historiadores. Mirada “La Tribuna” desde esta perspectiva ten unha lectura diferente que transcende ás intencións da propia autora.

A resposta ludista desencadeada pola instalación das máquinas picadoras, serviría para que no futuro non se instalaran novas tecnoloxías na fábrica da Coruña, coma si se fixo noutras tabaqueiras de España; isto foi beneficioso para as traballadoras?

Como ben sabes, o ludismo é un termo que remite a un mítico Ned Ludd, traballador inglés do téxtil nos comezos da Revolución industrial británica e que en sinal de protesta crebou unhas máquinas fiadoras que quitaban traballo aos artesáns. Na súa honra, os seguidores do seu proceder chamáronse ludistas. Na Coruña de mediados do século XIX deuse unha situación conceptualmente semellante, pois os responsábeis da fábrica (que dependía da Facenda pública) adquiriron algunhas máquinas picadoras para adiantar o traballo e salvar a angostura que supuña soster a operación de picado nun contexto de crecemento da demanda. As follas de tabaco víñanse picando a man en pequenas febras para encheren con elas a tripa do cigarro, pero resultaba unha operación moi vagarosa que tiña paralizada o resto da produción, pois sen picadura non había cigarros. Dese xeito, na fábrica coruñesa produciuse unha situación ben violenta na que as cigarreiras, axudadas polos veciños da parroquia de Santa Lucía, arrincaron do seu lugar as máquinas picadoras e botáronas ao mar. Víanas como as súas inimigas, porque por cada máquina que entraba na fábrica saían dela ducias de traballadoras. En que grao serviu isto para adiar a incorporación de tecnoloxía nova no picado? Só en pequena medida aprazou a mecanización do proceso produtivo, pois uns anos despois e obrigada por unha demanda que non paraba de medrar, a empresa volveu a introducila, acordando, iso si, non despedir traballadoras que empregou noutros quefaceres. O xeito máis doado que tiña a empresa de satisfacer a demanda e obter máis ingresos era co emprego de máquinas picadoras, que tentou compatibilizar coa man de obra existente. Porén, a protesta ludista violenta acabou sendo unha forma arcaica de contenda das cigarreiras para acadar os seus intereses e moi pronto descubriron que había outros xeitos de facer presión.

Cal era o papel das “lectoras” ás que fai referencia Pardo Bazán nos obradoiros?

Dona Emilia describiu acertadamente todo o que miraba na Palloza, entre outras estampas a figura das lectoras. Amparo, a protagonista de “La Tribuna”, era unha desas lectoras que había en tódolos obradoiros das fábricas de tabacos. O seu labor consistía en ler en alto a prensa diaria (pero tamén todo xénero de libros) para que todas as cigarreiras, a maioría delas analfabetas, quedaran sabidas da información do día a día. As lectoras non participaban no proceso produtivo polo que non recibían remuneración por parte da empresa. Eran as propias traballadoras as que se facían cargo da súa mantenza, entregándolle a escote unha cantidade equivalente ao que gañaban elas mesmas. Nestes anos pasados aínda puiden falar con algunha destas persoas en fábricas de tabacos na Habana, pero alí son homes os que len.

A folga de 1874, retratada en “La Tribuna” foi maior ou menor que a folga de 1831?

Foron protestas distintas. A de 1831, en pleno réxime absolutista e con Fernando VII no leito de morte, non foi unha folga no sentido moderno da expresión, é dicir, non foi un abandono do traballo para forzar a empresa a facer concesións. Neste caso, foi unha resposta á pretensión da empresa a que traballaran máis axiña (ao que hoxe chamaríamos incrementar a produtividade do traballo), o que motivaba una produción de baixa calidade e que se lles rexeitaba, polo que pasaban a cobrar menos. Non tiñan líderes destacadas, nin estratexias claras, nin obxectivos definidos. Era pura resposta espontánea ao que consideraban unha agresión patronal e na que participaron moitos veciños da parroquia de Santa Lucía, moi preto da fábrica. Por iso a represión foi moi forte, con intervención militar de por medio e sentenzas de cadea esaxeradas (que por outra parte non se chegaron a cumprir porque o común dos veciños agocharon nas súas casas ás cigarreiras sentenciadas e foron despois amnistiadas pola raíña viúva de Fernando VII). Pola contra, a de 1874 foi unha folga moderna, tal como a entendemos nós agora e a temos ben documentada porque constitúe un dos capítulos centrais da novela da condesa de Pardo Bazán. Ten unha orixe ben definida, a débeda de dúas mensualidades polo traballo feito a tódalas cigarreiras da fábrica nun contexto moi especial. En 1868 expulsáronse os Borbóns e comezou o réxime do Sexenio Democrático, que pasou por unha nova monarquía e a declaración, ao final, da I República. Os gobernos do Sexenio estaban gobernados por coñecidos liberais que liberalizaron as importacións, entre elas as da folla de tabaco, polo que a recadación fiscal descendeu de forma alarmante ata o punto de térense que paralizar determinados pagos por parte da Facenda pública, que non hai que esquecer que era o patrón das cigarreiras. A crítica situación das operarias derivou nunha xuntanza multitudinaria nas rúas limítrofes á Palloza (o seu número oscilaba entre as tres mil e as catro mil traballadoras máis os veciños dos arredores) e acordaron establecer un cordón humano ao redor da factoría, que daquela alcanzaba varios quilómetros cadrados. Tiñan líderes claros, a Tribuna, segundo dona Emilia; obxectivos ben definidos, que se resumían en que se lles pagase a débeda, e medios pacíficos de presión, a negativa a entrar no traballo. A concentración foi dispersada polos militares, máis ao día seguinte todas cobraron os atrasos.

Estaba esta obra de Emilia Pardo Bazán feita para levantar conciencias?

Os estudosos da súa obra literaria subliñan a etapa da autora na que se distancia de Émile Zola —a quen sempre admirara polos seus escritos de contido realista e social—, algo que aconteceu só un ano despois de publicar “La Tribuna”. O afastamento do francés é sobre todo ideolóxico. Como xa che dixen antes, a obra que comentamos penso que non ten, como ti preguntas, un obxectivo de levantar conciencias, malia que nalgunhas ocasión fora o caso. Como moitos estudosos da traxectoria de dona Emilia coido que o seu achegamento ao mundo do traballo e das cigarreiras tiña máis ben un obxectivo literario. O atractivo de Amparo, unha líder operaria que arrastraba ás súas compañeiras, era moi poderoso e en torno a ela constrúe a novela. Como xa che teño dito, era unha aristócrata de segunda xeración partidaria do carlismo, o que significa que era moito máis que conservadora. Foi simplemente reaccionaria. E isto, como tamén che dixen, non resulta contraditorio cos valores literarios dos seus escritos nin co seu achegamento aos problemas das mulleres.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.