Tendencias

Literatura infantil e xuvenil · Elos de Lectura

  • 20 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
A nenez necesita respostas abertas cara ao fenómeno da diversidade

MAR FERNÁNDEZ VÁZQUEZ

USVIGO/LITER21-USC

A necesidade de prelecturas e lecturas iniciais que fomenten a integración da nenez na súa contorna próxima e na sociedade desde unha ollada diversa, plural, crítica e sen prexuízos explica que reparemos no álbum Mare, d’on venen els infants? (Disset Edició, 2021), desexando que as editoriais galegas se animen a verquelo ao galego.

Este Premi Mallorca de Literatura Infantil 2020 condensa o valor da palabra nunha contorna próxima e así mesmo global. Caterina Valriu plasma no texto a súa ampla bagaxe, adquirida durante unha recoñecida traxectoria como docente e investigadora na Universitat de les Illes Balears e na rede LIJMI, que lle permitiu acadar a primeira cátedra de literatura oral, e tras anos de experiencia como a narradora oral Catalina Contacontes. Toni Galmés amosa nos seus debuxos un bo coñecemento e dominio da cor para conectar co lectorado, transmitirlle sensacións e complementar sentimentos que Valriu só apunta e non desenvolve no seu texto.

A trama deste álbum responde a pregunta adiantada o título, a da primeira filla dirixida á nai. Valriu establece un xogo dialéctico que crea expectativas na nena protagonista e tamén tempera a súa impaciencia mentres esta vai coñecendo a importancia de sentirse parte da diversidade cultural existente no mundo, antes de autodescubrir unha resposta que lle permita aceptar con agarimo a irmá que vén en camiño. Gamés, desde as gardas con fondo azul e debuxos en liñas brancas de bebés en distintas posturas, crea un escenario infantil que se confirma na páxina impar onde aparecen as dedicatorias e sobre todo nos ben elixidos obxectos: paxaros coloristas en lugar de cegoñas, un globo terráqueo e un tenro xogo de sombras que adianta a figura da irma aínda por nacer.

Mare, d’on venen els infants? conforma unha historia cíclica, creada desde a forma básica do círculo, como representación da barriga da nai, da bola do mundo e do sol que ilumina a venturosa esperanza da próxima chegada da irmá. Valriu e Gamés conseguen que o lectorado viaxe como o Principiño, mais enriba do cordón umbilical, por Australia, Sudáfrica, océano Pacífico e Asia grazas ás encadeadas respostas da nai que achegan elementos identitarios e definitorios desas afastadas culturas, valorizando os elementos primixenios constitutivos da vida (a terra, a auga, o lume) para que a nena aprenda que o “seu” mundo e incluso na “súa” casa só se entenden e teñen sentido porque existen a palabra e o lume.

margramanet2004@yahoo.es

Unha orixinal lectura en homenaxe a Gianni Rodari

INÉS MOSQUERA

CRPIH

Gianni Rodari (Omegna, Italia, 1920) é unha das figuras esenciais da literatura infantil. Mestre, xornalista, escritor e pedagogo, cuxas contribucións supuxeron unha renovación no campo pedagóxico, fomentando a creatividade e conxugando diversión e valores didácticos, achegou a alumnado, profesorado e familias ao mundo da fantasía.

Pan con chocolate. A merenda de Gianni, publicado na colección “Merlín” da Editorial Xerais, rende homenaxe a este insubstituíble autor. O texto procede do bo facer de Paula Carballeira (Fene, 1972), actriz e directora de teatro, narradora oral e autora dun considerable número de obras de diversos xéneros. O exemplar vén acompañado das dinámicas e coloridas ilustracións de Xiana Teymoy (Vigo, 1982). Ademais, na páxina web da editorial, hai unha ficha de lectura con actividades idóneas para a súa explotación didáctica.

O libro confórmano sete escenas, “Pan con chocolate”, “O gato e a choiva”, “Piratas e trens”, “A Befana e a escola”, “Pan e cebola”, “Preguntas e cartas” e “Despedidas por teléfono”; xunto cunha non numerada “Escena final”.

O fío que une todas as historias presentadas no libro é a historia dun neno chamado Gianni Rodari, un pequeno ao que lle gustan os gatos, as aventuras de piratas, as viaxes en tren, ler e merendar pan con chocolate —o binomio fantástico—. Un cativo que tivo que vivir a guerra e que soñaba con ser escritor para poder seguir imaxinando e soñando.

A propia Paula Carballeira emprega técnicas e recursos do ideario de Rodari para esta orixinal proposta. A composición da historia xorde dunha amálgama de poemas, fábulas, pequenos contos con varios finais alternativos, cancións, metáforas e diálogos. Esta combinación conflúe nunha emocionante lectura que convida a deixar voar a imaxinación e a deleitarse co fantástico mundo da literatura.

inesmosquerac@gmail.com

A cantar da man de Antonio García Teijeiro

BLANCA ROIG RECHOU

USC/CRPIH

Para comezar o curso escolar coa rapazada botemos man do poemario Canta, miña rula, canta (Galaxia, “Libros para compartir”, 2021), con texto de Antonio García Teijeiro e ilustracións de Xan López Domínguez. Un conxunto de xogos verbais cos que se inicia á nenez na poesía. Está dedicado a Libby, a andoriña que “volverá”.

A lírica de transmisión oral latexa neste poemario composto de versos breves e sinxelos que obxectivan o mundo da nenez para conducila, por panoramas de beleza, cara a ideas abstractas, de transposicións, metáforas, personificacións, comparacións de termos coñecidos cos descoñecidos... conformando unha deliciosa sinfonía lírica tenra e humorística. Os seus autores, dous mestres de recoñecido prestixio polo seu labor a favor da Literatura, da cultura, do saber, lévannos, a través das atractivas imaxes poéticas e plásticas, a entrar nun xénero literario que é preciso contaxiar.

blanca.roig@usc.es

Viaxe con Eva, a carteira espacial

MARTA NEIRA

LITER21-USC/CRPIH

Vén de saír do prelo a obra gañadora do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2021, un galardón, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa editorial Galaxia, ao que concorreron un total de trinta e unha obras, malia a polémica xerada no momento da súa convocatoria por causa dalgún punto das súas bases.

Trátase de Eva, a carteira espacial, da autora novel Gloria Pavía (Santiago de Compostela, 1999), unha narración con protagonista feminina que desde o seu comezo lembra o clásico O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, polo percorrido que Eva fai polos diferentes planetas ata chegar a un moi pequeno ao que non poden acceder os adultos. O texto e mais as ilustracións figurativas, nas que predominan as cores cálidas (rosas, ocres...), convidan o lectorado do primeiro ciclo de Primaria a repasar nocións relacionadas co sistema solar e cos diferentes corpos celestes que o compoñen.

marta.neira@usc.es

A escola duns simpáticos ratos

CARMEN FERREIRA

UDC/ANILIJ-ELOS

Entre as novidades de Kalandraka neste setembro, inicio dun novo curso escolar, aínda marcado polo virus, recomendamos Ratos na escola, de Oli e Natalia Colombo, publicado na colección “demademora”. Un álbum que narra en verso unha travesura de ratos.

Os protagonistas saíron unha tarde con cautela por unha xanela. Como foguetes nos seus patinetes, foron á rúa e por unha póla entraron na escola. Fixeron exercicio no ximnasio e cansos foron descansar a unha aula. Cos instrumentos musicais da aula deron un concerto. Logo, a fame levounos á cociña, onde fixeron unha desfeita por xogar e usaron os anacos para pintar na aula de plástica. Manchados foron á biblioteca onde viron moitos gatos; por iso escaparon polo muro e saíron a ver mundo. Poesía e conto son dous elementos fundamentais deste álbum que ofrece unha narración visual colorista que complementa o texto rimado e que invita a divertirse na escola.

m.fboo@udc.es

Tema marcado como favorito