Tendencias

Literatura infantil na loita contra os estereotipos de xénero

‘Na busca de Antón’, da compostelá Ana López, busca educar na diversidade desde as idades máis temperás

  • 04 may 2021 / 15:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Calquera de nós lembrará con agarimo algún conto da súa infancia, historias e personaxes que chegaban a nós a través dalgún familiar ou dentro das aulas. A literatura infantil é unha das principais ferramentas na ensinanza e na transmisión de valores dentro dunha sociedade, permitíndonos achegar ás crianzas numerosas reflexións como educación ambiental, solidariedade, afectividade, amizade ou interculturalidade. Falamos con Ana López (Santiago de Compostela, 1997), autora do libro Na busca de Antón, que podemos atopar en librarías de Santiago como a Numax, Couceiro, Follas Novas ou Lila de Lilith. Nesta última fará a presentación o 27 deste mes, pero antes pasará o día 17 por unha firma de libros na Alameda de Santiago. É un libro onde se aposta pola transformación dos roles de xénero xa preestablecidos e se traballa sobre as novas masculinidades. Pregúntase a autora, “por que temos que asignarlle un color preestablecido aos nenos e outro as nenas?, por que temos que dar por feitos os que van a ser os seus gustos ou aficións?”.

Que imos atopar neste conto? Podes facernos unha pequena presentación de ‘Na busca de Antón’?

Na busca de Antón representa unha viaxe en busca da identidade dun neno que ten menos de un ano e non pode explicarnos a esa idade que lle vai gustar ou que non lle vai gustar, como vai ser, como vai vestir... O que vén representar é como inflúen na configuración da nosa identidade os estereotipos de xénero que están moi interiorizados, e pensamos que nos temos que adecuar a un esquema cando realmente non é así; pode gustarlle a un neno levar saia cando socialmente non é o que se espera.

E como xurdiu este proxecto? Cando decidiches comezar a escribir o libro?

Pois cando Antón, que é o meu sobriño e afillado, ía cumplir un ano. A min gústame moito escribir e tamén a literatura infantil xa dende carreira, así que decidín escribirlle un conto.

Tanto a historia como a ilustración saen da túa man, como é ese proceso na literatura infantil?

A min gustame moito o rexistro lírico, entón decidín facelo en verso. Este proceso foi moi rápido e tiña a idea clara. Fixen as ilustracións con recortes e tamén con debuxos. Pensei ben que tipo de ilustración quería facer e como adaptala para que quedara ben co texto. Gustábame moito a idea do collage e dos debuxos sinxelos, que as crianzas puideran despois copiar ou refacer. Púxenme a coller cousas que había na casa e reciclando materiais e fixen as imaxes.

E despois cando contactaches coa editorial?

Cando contactei con eles tiven que mandarlles imaxes do libro para que mirasen a idea do conto, e nese momento dinme de conta de que podía repetir con máis calidade. Ademais houbo cousas que cambiei, porque ao principio había xoguetes e debuxos que eran referencias ao meu afillado e decidín modificar algunhas ilustracións.

Nos teus estudos, como dixeches antes, xa lle deras importancia á literatura infantil, e o teu Traballo de Fin de Grao xiraba en torno á pedagoxía crítica a través da literatura infantil, podes explicarnos un pouco porque é tan importante esta ferramenta educativa?

É certo que a min sempre me gustou ler, e encantábanme os contos infantís, pero houbo dúas materias na carreira onde xa en xeral falan da importancia da literatura infantil non só para fomentar o gusto pola lectura, senón que tamén para explicar temas que a través desta ferramenta faise sinxelo e de xeito natural. Temas como a morte, os medos, a xestión emocional... Coa literatura infantil por un lado está a parte da escrita e por outra parte está o que conta a ilustración. No Erasmus tiven dúas materias, unha de literatura infantil e outra de ilustración infantil, a primeira centrada nas metáforas e os recursos, e como os medos das crianzas poden representarse dunha forma lúdica tamén. Por outro lado está a parte da ilustración, como se contan outras historias coas imaxes e a importancia que ten no conto a parte visual. Moitas veces as crianzas fíxanse en detalles das imaxes que a xente adulta non se fixa, como por exemplo neste libro, que todas as páxinas contan cun barquiño de papel que vai avanzando, que en realidade representa a viaxe do protagonista. A través das ilustracións tamén poden crear a súa propia historia, hai libros infantís que só son imaxes.

A intención deste libro é loitar contra os estereotipos de xénero, pulando por novas masculinidades, como se pode levar a cabo este traballo na infancia das crianzas?

Eu creo que hai dúas cousas a ter en conta. A primeira, traballar o tema dos estereotipos e das masculinidades diversas. Traballalo a partir de proxectos, da literatura infantil... que vexan que os estereotipos que consumen a raíz dos modelos das propias familias, da escola ou dos medios é un constructo social que non implica que a realidade sexa así, e que poden elixir como van a ser independentemente disto. Por outro lado hai que ter en conta o que chamamos currículo oculto, que é todo o que expresamos de forma inconsciente na mirada, nos comentarios como dicirlle a un neno que é valente pero a unha nena non se lle di o mesmo... Hai cousas que inconscientemente facemos, como falar co masculino plural para referirnos ao grupo, que ao principio as nenas pregúntanse se elas tamén vai por elas. Ao final pasamos por ese proceso de pensar se cando se fala no masculino plural estamos incluídas ou non. Tanto a linguaxe como as expresións de forma inconsciente tamén pode afectar no que inculcamos. Preguntas como se lle gusta unha chica de clase, que é unha pregunta moi incomoda para o neno, non é necesario. Son ese tipo de comentarios que facemos moitísimo sen ser conscientes de que estamos transmitindo moito.

O libro publicouse a principios de abril. Neste mes fuches a varios centros escolares a ler o conto ás crianzas. Como está sendo para ti ese contacto con mestrado e alumnado?

Pois para min poder ir aos coles e lerllo ás crianzas é o mellor. Ver que lles gusta responder, pensar como vai ser Antón ou debater. Como ao final o conto é unha dúbida sobre que lle gustará a Antón gústalles responder e opinar. Os estereotipos están súper inculcados, pero é moi fácil facerlles cambiar de idea. Por exemplo se lles dis que tes un amigo que leva saia quédanse con esa idea. Despois, toda a retroalimentación, eu vexo que queren que o volva a ler, ou fante preguntas ou comentan cousas do seu entorno e esa reciprocidade está moi guai. Eu penso que na escola ten que haber un momento de lectura, pero tamén de debate e de opinión, vendo todo o que poden sacar dunha historia.

Pensas que veremos algún outro libro infantil da túa autoría?

Pois eu sigo escribindo, e teño outro conto escrito, pero non ilustrado. A min esto gústame moito así que espero poder publicar máis nun futuro.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.